O alcalde e o presidente da Deputación ratifican a continuidade dos proxectos en marcha e a colaboración económica anual con Pontevedra 

15

Fernández Lores e Luís López mantiveron esta mañá un encontro na Alcaldía na primeira visita institucional que o presidente provincial fai a un concello da provincia. Antes da reunión asinou no libro de honra de Pontevedra.

No encontro confirmaron a continuidade dos convenios como Santa Clara, Museo, Xunqueira de Alba, Mollavao, vial de Montecelo… ademais da colaboración económica anual para proxectos municipais como se vén realizando nos últimos 24 anos. 

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá na Alcaldía ao novo presidente da Deputación, Luís López que xirou visita á sede de Michelena 30 logo da petición de entrevista solicitada polo rexedor de Pontevedra para abordar as futuras relacións entre ambas institucións. O alcalde agradeceu o compromiso de Luís López por manter os investimentos previstos na cidade como Santa Clara ou o Museo, pero tamén de continuar coa colaboración económica anual que a Deputación viña tendo co Concello de Pontevedra nos últimos 8 anos.

O alcalde agradeceu que Pontevedra fose o primeiro concello ao que visita o presidente provincial, que tamén “é entendible dado que é a capital da provincia e onde se atopan a sedes principais da institución”. Ademais recordou que na cidade se celebran moitas actividades da Deputación.

“Estou moi satisfeito porque vai a seguir existindo colaboración”, confirmou o alcalde quen se adiantou que os proxectos do Museo e de Santa Clara “van a seguir adiante como estaba previsto”, así como todos os convenios que están asinados coa institución provincial, dende a variante de Montecelo até o acceso de Mollavao, entre outros.

Lores lembrou a histórica colaboración entre o Concello e a Deputación, cando menos nos últimos 24 anos, que se materializara nos últimos mandatos nun acordo dun investimento de 2,5 ou 3 millóns de euros ao ano en proxectos específicos. Esta colaboración “vai a seguir en proxectos de interese municipal e con achegas semellantes”, indicou o alcalde, quen recoñeceu estar “encantado coa compresión do posicionamento do Concello” polo que concluíu que “valoro moito esta reunión”.

 O presidente da Deputación, Luís López afirmou que as relacións entre as dúas institucións non estarán guiadas pola crispación e confirmou, en concreto, a continuidade dos proxectos de Santa Clara, Museo de Pontevedra e A Xunqueira de Alba.