Colocada a primeira pedra para a construción da residencia de maiores e os apartamentos de ILUNION en Pontevedra 

62
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá nun acto simbólico no que tamén estiveron presentes representantes de ILUNION VidaSénior, a ONCE e Thor Private Equity
O proxecto de creación desta novo equipamento para a cidade ten un prazo de execución próximo aos dous anos 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá de mércores, 13 de setembro, no acto de colocación da primeira pedra do que será a residencia de maiores e os apartamentos Senior Living de ILUNION na cidade de Pontevedra. 

O acto, presidido polo rexedor, tamén contou coa presencia da concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías; a directora executiva de ILUNION VidaSénior, Paola del Río, o director de ILUNION VidaSénior, Cristóbal Cuevas; ademais do Delegado de ONCE, Manuel Martínez Pan; e o Yield Manager de Thor Private Equity Spain, Miguel Ángel Pascual; xunto con outros membros da corporación municipal.

Tal e como foi presentado no seu día, o proxecto de construción creará dúas áreas diferenciadas: dunha banda 24 apartamentos “Senior Living” e, doutra, unha residencia. «Este modelo híbrido responde á necesidade de cubrir con flexibilidade todas as etapas do plan de vida das persoas maiores», tal e como se lembrou durante a intervención da mañá.

«O ILUNION VidaSénior Pontevedra ofrecerá un novo estilo de convivencia para as persoas que alí residan, co obxectivo de preservar a súa autonomía en todo momento, e sen esquecer aspectos tan importantes como a accesibilidade e o benestar. Ademais, o edificio contará con espazos comúns como salas de lecer e multimedia, restaurante, ximnasio, etc», explican desde a empresa responsábel do proxecto. A residencia terá un total de 150 prazas, repartidas en diferentes unidades de convivencia, nas que as persoas usuarias serán atendidas baixo o modelo de atención integral centrada na persoa.

O novo equipamento para maiores será desenvolvido por Thor Private Equity Spain ao longo dos vindeiros dous anos, e está situado nos terreos da antiga fábrica de Tafisa, entre a rúa José Malvar e Vasquida García. A súa construción traerá consigo a creación de cen postos de traballo na cidade, nos que se priorizará a incorporación de persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade. 

O rexedor da cidade sinalou que hoxe estaba «como un neno con zapatos novos», pois «este proxecto, xunto co desenvolvemento de toda a unidade urbanística de Tafisa foi realizado ao longo dos anos e completa en gran medida a cidade, transformando este lugar nun sitio fabuloso e especial, ao carón do que chamamos o noso Central Park, como é a Illa das Esculturas».

«Estamos a construír unha cidade entre todos e todas para as persoas», explicou. «Coa ONCE gardamos unha relación impecábel, que agardamos siga sendo así no futuro, sacando proxectos adiante deste tipo que fagan unha cidade mellor. Estamos orgullosos do que temos feito, pero sabemos que queda moito por facer».

En palabras de Cristóbal Cuevas, director de ILUNION VidaSénior, «estamos moi ilusionados con que a posta en marcha do primeiro ILUNION Senior Living sexa xa unha realidade. Traballamos sempre co claro obxectivo de mellorar a vida das persoas maiores e dependentes, pero adaptándonos ás novas realidades que demanda a sociedade, e esta iniciativa é un claro exemplo de cara a imos».