A feira ambulante poderá instalarse na avenida de Bos Aires a partir do vindeiro 30 de setembro 

29
O informe emitido polos servizos técnicos, expoñendo a idoneidade deste espazo en todos os apartados analizados, derivou na decisión tomada desde o Concello
A edil de Mercados, Anabel Gulías, sinalou que se reunirá nos vindeiros días coa Federación de Vendedores Ambulantes 

A concelleira de Mercados, Anabel Gulías, compareceu esta mañá de mércores, 13 de setembro, en rolda da prensa para indicar que a partir do vindeiro 30 de setembro, a feira ambulante poderá instalar os seus postos na avenida de Bos Aires, fronte ao Mercado

A edil lembrou que nos últimos meses se estivo traballando na proposta dunha ubicación definitiva para a feira ambulante de Pontevedra. «Había un traslado provisional para a Alameda que tivo que ser suspendido logo do comezo da actividade de lecer e festiva do verán, ademais das actuais actividades deportivas que se están a programar», indicou. «Logo de aprobarse unha resolución na que se reubicaba a feira no seu emplazamento orixinal —Rafael Areses— estipulado pola ordenanza en vigor, anunciouse un período de consulta e audiencia con algúns dos colectivos afectados pola decisión para recoller propostas sobre unha posíbel nova ubicación, ao sermos conscientes de que a ubicación que recolle a ordenanza non era unha ubicación que xerase ningún consenso».

Após o traballo técnico realizado desde o Concello que finaliza cun informe, xa presentado hai varias semanas, e que recolle dúas cuestións fundamentais: a primeira, estar feito en base a criterios obxectivos (idoneidade dos emprazamentos, preferencias dos axentes sociais e económicos da cidade relacionados, etcétera); doutra banda, a segunda cuestión, que vai en relación coa realización do informe coa celeridade debida. 

Gulías sinalou que o informe lles moi remitido aos distintos axentes para que puidesen estudalo e analizalo. Unha vez enviado, non foi recibida ningunha aportación ou suxestión por escrito, «ningún comentario ou cuestión a revisar ou mellorar». 

Tendo isto en conta, a concelleira lembra que puxo a data de finalización do Tríatlon para lanzar unha nova ubicación, sendo neste caso, a avenida de Bos Aires. Gulías explica que este mércores foi remitido un comunicado á Federación de Vendedores Ambulantes unha proposta con varias datas e horas diferentes para realizar unha xuntanza co fin de ver con eles e con elas os detalles da nova ubicación. 

A Avenida de Bos Aires verá cortado o tráfico de tres carrís entre as pontes de Santiago e o Burgo, deixando operativo para a veciñanza e comerciantes o máis próximo ao Mercado e o outro se empregaría para aparcar as furgonetas dos ambulantes. Os postos dos feirantes montaríanse na beirarrúa e nos dous carrís en dirección á ponte das Correntes.