O alcalde visita o CEP Campolongo na xornada inaugural do novo curso escolar 

14
Miguel Anxo Fernández Lores compartiu conversa coa clase de 6º A, falando das vacacións, da ilusión que teñen por volver ás aulas e das súas aspiracións futuras 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Educación, Demetrio Gómez; visitou o CEP Campolongo na xornada inaugural do curso escolar que este luns, 11 de setembro, deu comezo en todo o municipio.

Sorrisos, reencontros e algunha que outra bágoa se conxugaron na porta do centro escolar pontevedrés, con ducias de nenos que hoxe, por vez primeira atravesaban as súas portas. Porén, o rexedor visitou ao alumnado máis veterano, de sexto, concretamente de 6º A, co fin de preguntarlles polas súas vacacións e ver que plans de futuro teñen.

Algúns queren ser atletas, outras astrónomas e algún soña con mesmo montar unha empresa. Sexa como for, todos amosaron ilusión por xuntarse de novo e por seguir medrando xuntos, aprendendo a través das ensinanzas das súas mestras. 

Doutra banda, en declaracións aos medios presentes, Lores lembrou que o Concello continúa co labor firme de mantemento dos colexios do municipio, a través dun contrato anual que chega aos 200.000 euros, dividido en dous lotes de actuacións, seguindo as demandas de cada centro. «Temos todo o que precisan recollido a través dos servizos técnicos e na medida do posíbel van saíndo adiante», sinalou. «Fixéronse as obras prioritarias para o comezo do curso e logo seguiremos actuando ao longo do curso no que sexa necesario».