A I Travesía a nado Río Lérez nace con proxección de futuro 

54
A edil de Deportes, Anabel Gulías, presentou esta mañá a nova cita deportiva que xuntará a máis de 200 nadadoras e nadadoras no río da cidade
Trátase dunha proba que será moi doada de seguir desde as beiras do Lérez, desde a Illa das Esculturas, a praia fluvial de Monte Porreiro ou o novo miradoiro na antiga vía do tren 

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, presentou esta mañá a I Travesía a nado Río Lérez. Trátase dun novo evento coa natación como protagonista, promovido desde o C.N. Galaico co apoio do Concello de Pontevedra. A presentación contou coa presencia do presidente do nomeado club, Alberto Castro, ademais do apadriñamento dos deportistas Javi Gómez Noya, Chano Rodríguez e Cristian Fernández.

A edil quixo manifestar de xeito público o seu agradecemento aos clubs deportivos da cidade que se implican na realización deste tipo de citas que a cidade vive de xeito regular. «Procuramos unha liña de traballo que poña en valor o labor dos clubs non só na actividade federada senón tamén nas actividades de dinamización do deporte, sendo esta travesía un bo exemplo e unha boa mostra».

Alberto Castro, presidente do C.N. Galaico, amosou a súa ilusión por levar a cabo este novo evento que vivirá a súa celebración o vindeiro sábado, 16 de setembro, no río da cidade. «É a primeira cita deste tipo na cidade e consta cunha boa inscrición ao redor dos 200 participantes, restando aínda tres días para poder apuntarse quen o decida», sinalou.

«Trátase dunha competición dividida por categorías e que permitirá ver natación no río desde as 15.45 até as 19.30 horas. Pode ser moi divertida xa que contará con moita visibilidade no circuíto e con moita seguridade; falamos de 60 voluntarios para 200 nadadores e nadadoras», indicou Castro. «Queremos que sexa a travesía mellor organizada de Galiza e no sentido da seguridade, de seguro que o será».

Pola súa banda, o nadador Cristian Fernández comentou a beleza do circuíto e a facilidade que terá a xente para poder seguir as probas longas, tanto de 2.500 como de 1.250 metros, dende as beiras do Lérez, a Illa das Esculturas ou o novo miradoiro peonil inaugurado a principios do verán. «Será moi bonito para a xente, para poder seguir aos participantes e só podo convidar a toda a xente de Pontevedra a ver as distintas probas».

Ademais da actividade deportiva, está prevista unha pequena festa, con música ao vivo da man da banda pontevedresa Mr. Magoo, e xantar para os nadadores e nadadoras na praia fluvial de Monte Porreiro. Castro explica que a cita nace pensando xa na vindeira edición e mesmo con proxección a facer probas semellantes, como pode ser o descenso do Lérez, tendo como referencia o descenso de Navia.