O Concello promoverá reunións veciñais para achegar e explicaro plan de mobilidade de cara ao Mundial de Tríatlon 

112
O vindeiro martes, 12 de setembro, ás 20 horas, celebrarase a primeira xuntanza no salón de actos da Cruz Vermella coa veciñanza da contorna do Estadio da Xuventude
Están tamén previstas sesións informativas especiais para a veciñanza da zona da antiga Tafisa e das parroquias de Alba, Lérez e Cerponzóns 

Co obxectivo de comunicar do mellor xeito posíbel, ao tempo que se procura xerar o menor número de molestias á veciñanza durante a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, o Concello promoverá, ao longo dos vindeiras semanas, unha serie de reunións cos veciños e veciñas dos puntos máis afectados polas restricións e limitacións contempladas no dispositivo especial de  tráfico.

A primeira destas xuntanzas informativas se producirá no salón de actos da sede da Cruz Vermella —situada na rúa do Padre Gaite— o vindeiro martes, 12 de setembro, ás 20 horas. Nesta reunión están convidados todos os veciños e veciñas da contorna do Estadio da Xuventude (CGTD).

A seguinte xuntanza está fixada para o mércores, 13 de setembro. Nesta ocasión están convidada a veciñanza que vive nos edificios construídos sobre o terreo da antiga Tafisa —Residencial Novolérez—. Ás 20 horas iniciarase a xuntanza nun espazo dentro dun dos edificios xa concretado coa Policía Local e notificado no lugar.

Doutra banda, nos vindeiros días serán axendadas as xuntanzas para a veciñanza de Cerponzóns, Alba e Lérez.

Cómpre lembrar que existe un número de teléfono (986 833 080) ao que calquera veciño pode chamar para obter información concreta e personalizada sobre a operatividade viaria da cidade. Estará atendido por persoas e funcionará a calquera hora do día.

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, que asistirá a estas xuntanzas, lembra que a colaboración cidadá «é imprescindíbel á hora de poder realizar eventos deste tipo na cidade». «Agradecemos e estamos orgullosas da relación que a veciñanza mantén con este tipo de citas, amosando sempre comprensión e interese para que poidan ser levadas a cabo», sinala. «Queremos transmitir a información do mellor xeito e xerar polo camiño novas canles de diálogo».