O alcalde pon a Feira Franca como un exemplo de «festa total»e enxalza o valor do espazo público á hora de celebrala 

53
O rexedor subliñou as características dun modelo de cidade que permite acoller un evento masivo desta clase e continuar medrando en vindeiras edicións
A tempada de verán aínda non pecha en Pontevedra, pois nunhas semanas será celebrada a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de luns, 4 de setembro, para ofrecer un balance da XXII edición da Feira Franca celebrada o longo da xornada do pasado sábado. 

«Non se lle escapa a ninguén que foi a máis grande até o de agora, pois a seguinte será aínda mellor», indicou. «É unha festa total, unha festa que medra de xeito comedido cada ano e podemos dicir xa hoxe que estamos a traballar na seguinte edición. É unha festa moi participativa onde toda a sociedade pontevedresa, sexa o tecido asociativo ou sexa de xeito individual, tena marcada no seu calendario».

O rexedor falou dunha edición «masiva», da que quixo subliñar distintas cuestións. A primeira sería a implicación da xente: cativos, mozos, adultos, veciños, visitantes (da provincia, do país e do Estado)… Doutra banda, as características propias da cidade e o seu modelo que permiten a súa celebración da forma en que todo o mundo a coñece e a vive. «Pontevedra conta cun espazo público que pode recibir toda esta afluencia de xente e xerar unha festa única», sinalou.

Lores agradeceu o traballo de todos os axentes implicados na súa celebración, desde os funcionarios municipais ás empresas colaboradoras coa Feira Franca. «Resalto a alegría que se percibe na rúa, esas caras felices e ese orgullo á hora de participar e de vivir intensamente unha xornada deste tipo», indicou. «Poucas cidades poden ter unha festa destas características e con tal éxito. Levamos traballando moito nun modelo urbano que o permite e que dá paso a unha cidade para as persoas».

Por último, o alcalde quixo facer fincapé na ausencia total de incidentes reseñábeis grazas a un operativo de seguridade «realmente importante» que apenas tivo que intervir nun par de cuestións leves. «Só cabe unha valoración positiva; pensar en seguir mantendo esta festa e que teña un crecemento moderado e controlado», explicou. «Sabemos de establecementos que ás 17 horas xa colgaron o cartel de pechado por falta de existencias, sabemos de locais que serviron máis de 600 xantares… Falamos de cifras incríbeis, que permiten comprobar como a actividade da Feira Franca é a máis alta de calquera outro día do ano».

Ademais, Lores lembrou que esta cita queda enmarcada dentro dun «verán espectacular» en todos os sentidos (participación, actividades e propostas) e que queda aínda, como último prato festivo, a celebración da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, «que amplía a tempada de verán e que encherá todos os comercios, restaurantes e hoteis non só de Pontevedra, senón da comarca».