Pontevedra contará cun plan especial de seguridade e tráfico durante a celebración da Feira Franca 

49
Tal e como vén sendo habitual ao longo de todas as edicións, os servizos de emerxencia e corpos de seguridade da cidade estarán coordinador para prever calquera incidencia 

A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, repasou esta mañá o dispositivo especial de seguridade para a Feira Franca. A cita festiva iniciarase este venres, 1 de setembro, mais será na xornada do sábado, 2 de setembro, cando se poderá vivir en todo o seu esplendor.

Así, o elevado número de xente (tanto visitantes como veciñanza) previsto para o sábado, fai necesario a creación e posta en marcha dun dispositivo especial de seguridade e tráfico que permita gozar da festa con todas as garantías posíbeis e previr calquera incidente que poida xurdir.

A concelleira lembra que o plan de seguridade estará activo desde as 11 horas do sábado até as 03.00 horas do domingo e traballarán de xeito coordinado os corpos da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil.

Así, a partir das 10 horas do sábado, un equipo inspeccionará os postos co fin de que se adapten as normas establecidas pola organización, a saber: parrillas só de carbón, extintores preto das mesmas, autorización previa para ocupación e imposibilidade de facelo nas vías de penetración e evacuación (As rúas Real, Sarmiento, Isabel II, Curros Enríquez, F. Villaverde e Michelena)

Durante a celebración da mesma serán habilitados os seguintes puntos especiais:

  • Un posto médico avanzado no Teatro Principal
  • Un hospital de campaña
  • Tres ambulancias mecanizadas + 1 UVI móbil (Estarán na praza Valentín García Escudero, Bastida / Michelena, e Alameda)
  • Posto fixo de Protección Civil na praza de Ourense xunto cun Punto Violeta neste espazo
  • Posto de bombeiros na Praza de España a na praza Valentín García Escudero

No referido tanto ao tránsito de persoas como de vehículos, tamén se contempla un plan especial de circulación. Deste xeito, e poñendo o foco sobre o movemento a pé, todas as zonas onde se celebra a Feira Franca gozarán de libre acceso para os peóns, se ben deben ter en conta as seguintes recomendación:

 – É de agardar aglomeracións nas zonas de Praza de España, Michelena, Praza da Ferraría, Soportais e Praza de Curros Enríquez

 – Tamén haberá grandes movementos de persoas na Praza de Touros (durante a saída e entrada aos dous pases do torneo medieval)

  • Procurar non deixar obxectos persoais de valor á vista
  • Levar enriba o imprescindíbel en carteiras ou bolsos (tarxetas, cartos e documentación) e sempre en lugar seguro e controlábel
  • Refrescarse no caso de altas temperaturas

Doutra banda, no caso do tránsito e estacionamento de vehículos, cómpre lembrar a imposibilidade de deixar o coche en puntos onde xa de xeral está prohibido (carga e descarga, servizos (agás o tempo establecido), vaos, paradas de taxis, etcétera). Tamén estará prohibido aparcar dende as 22 horas do 1 de setembro na rúa Santa Clara entre o convento e a rúa Cobian Roffignac; na contorna da Praza de Touros desde as 07.00 horas do venres (rúa Nostramo Lourido, Víctor Said Armesto, Canaval e o perímetro da nomeada praza); a partir das 22.00 horas do venres en Maestranza e no Paseo Cervantes (queda reservado para motos); na rúa Aduana desde as 09.00 horas do mércores 30 de agosto.

A parada de taxis estará ubicada desde as 22 horas do 1 de setembro na avenida de Bos Aires, ao carón da Ponte de Santiago.

Agárdase un tráfico intenso nas rúas Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra entre as 10.30 e as 13.30 horas. Tamén na saída da cidade pola Alameda, Echegaray e Ponte da Barca entre as 12.30 e as 14.30 horas e as 17.00 e as 20.00 horas (coincidindo co torneo medieval).

A recomendación máis clara nestes casos e evitar o uso do vehículo privado no posíbel durante esta xornada e máis nas horas sinaladas, ademais de circular cara as praias a través da Ponte das Correntes e usar as saídas da cidade pola AP-9, tanto norte como sur.

Vilaverde lembrou a importancia do uso dos aparcadoiros de bordo ao longo de todo o día, estando todos eles operativos (Mollavao, Pavillón dos Deportes, explanada do Recinto Feiral, Avenida de Bos Aires e Xosé Malvar, A Parda, Avenida de Vigo e Pasarón).

Están contemplados determinados cortes de tráfico en momentos puntuais, como as rúas na contorna da Praza de Touros durante o espectáculo medieval, desde as 14 horas do 2 de setembro; ou durante o traslado do viño, afectando as rúas Santa Clara e o seu cruzamento con Cobian Roffinac e Perfecto Feijoo.

Queda prohibida a circulación de vehículos nas rúas da Zona Monumental a partir do mesmo sábado, ás 10 horas, así como en Arcebispo Malvar, Pardo Bazán, Alameda, Galera, Benito Corbal (tramo peonil), Peregrina (tramo peonil) e Michelena.