O Concello de Pontevedra recomenda moderar o consumo perante a situación de prealerta por escaseza de auga no Lérez 

45
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que a auga é un ben escaso que cómpre usar de xeito racional, á vez que se xera conciencia sobre un uso sostíbel da mesma
As recomendacións aprobadas este venres en Xunta de Goberno Local pasan por evitar regos de xardíns, limpeza de coches particulares, encher piscinas ou moderar o consumo municipal 

O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Durante a mesma foron aprobadas diversas recomendacións de cara ao consumo de auga, por mor da situación de prealerta por escaseza de auga na cunca do Lérez, decretada esta semana pola Xunta de Galiza.

O rexedor lembrou que o abastacemento está garantido polo momento a todos os municipios que collen o prezado líquido do río pontevedrés, mais cómpre concienciar á poboación sobre o seu consumo diario para asegurar o aforro de auga e o uso racional do recurso. 

Deste xeito, a Xunta de Goberno Local acordou as seguintes recomendacións no uso da auga á cidadadanía e ás empresas e entidades: 

  1. Concienciar do uso sostible da auga por parte de toda a cidadanía. 
  2. Que non se use a auga apta para consumo humano para encher piscinas particulares, regos de xardíns e limpeza de coches por particulares, etc. 
  3. Moderar os consumos municipais (baldeos das rúas, regos de xardíns, fontes ornamentais, e outros). 
  4. Promover a instalación de dispositivos de aforro doméstico así coma doutras medidas para evitar o uso innecesario da auga, tales coma a utilización de sistemas de aforro de auga nas billas, pechar a billa durante o cepillado ou empregar a ducha no lugar do baño para evitar o uso de auga innecesaria. 
  5. Instar ás empresas e industrias a minimizar o consumo e a un uso razoable da auga do abastecemento municipal, tendo en conta que o uso prioritario é o do abastecemento á poboación.
  6. Que se tome conciencia da importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, evitando o malgasto e minimizando os usos prescindibles.

Doutra banda, Lores sinalou que a día de hoxe o Pontillón está ao 95 % da súa capacidade como reserva de auga. «Temos un colchón que non é preciso usar aínda, mais o cauda do Lérez sitúase nos 1,3 metros cúbicos por segundo», explicou. «O abastecemento está asegurado grazas a un sistema moi robusto, cun nivel de perdas mínimo».