O Concello esixe ao Sergas dotar ao Consultorio médico de Ponte Sampaio de facultativo durante todo o ano 

17

A Xunta non substituíu en agosto á médica que consulta no centro e obriga a toda a veciñanza a trasladarse a Pontevedra para calquera consulta ou xestión facultativa.

O Concello adianta que non permitirá que se peche o consultorio que é o que o Sergas parece ter decidido coa súa actuación. 

O Concello de Pontevedra quere solidarizarse cos veciños e veciñas de Ponte Sampaio que neste mes de agosto están sen atención médica no consultorio da parroquia. A atención facultativa vén sendo deficitaria nos veráns dos últimos anos pero non se tiña dado o caso de non substituír á médica do consultorio como está a suceder nesta ocasión.

Ante esta situación, o Concello insta ao Sergas a substituír á médica que consulta durante todo o ano cando se produzan as súas baixas, días libres ou vacacións, como é neste caso, xa que esta decisión do Sergas obriga aos pacientes a trasladarse a Pontevedra para case todas as xestións médicas. Ademais, existe un grave risco para a saúde no caso de pacientes crónicos que requiren dunha atención facultativa constante que está sendo substituída por citas a longo prazo e, incluso, autodiagnósticos.

Sen dúbida, o Goberno local respalda á veciñanza cando defende o gran labor que está a realizar a actual médica do consultorio que, como calquera traballadora, ten dereito aos seus días de descanso.

O Concello defende a atención sanitaria pública, un servizo que debera estar ben dotado e prestarse satisfactoriamente tanto para traballadores como para pacientes, o que non está a ocorrer no consultorio de Ponte Sampaio. Esta situación permite afirmar que o Sergas considera aos veciños de Ponte Sampaio de segunda.

O Goberno local anticipa que non consentirá que o Sergas acabe pechando o consultorio tal e como tratou de facer durante a pandemia, cando retirou a atención médica do centro e obrigou a toda a veciñanza a desprazarse a Pontevedra.