O Concello lanza un sitio web para a promoción e visibalización da hostalería local durante a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon 

62

Os establecementos poden mandar os datos necesarios para formar parte da plataforma co fin de configurar unha base de datos a disposición dos visitantes chegados durante a competición 

A concelleira de Deportes e Promoción económica, Anabel Gulías, compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar a creación dun sitio web co fin de promocionar e visibilizar á hostalería local durante a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

Concello e hostaleiros coincidiron ao longo das últimas reunións mantidas entre ambas as dúas partes na necesidade de crear unha plataforma que puidese visibilizar as propostas gastronómicas da Boa Vila durante os días que dure a competición. 

«Poñemos en marcha un formulario de inscrición para que todos os establecementos que estean interesados poidan inscribirse», indicou a edil. «É un formulario sinxelo que recolle información do local coma o nome, o logo, a situación na cidade, a carta, o tipo de cociña, os horarios e mesmo as linguas nas que poden atender aos comensais ou até a posibilidade de ofrecer menús veganos, sen gluten, etcétera».

Unha vez o Concello teña os datos dos establecementos estes serán volcados na páxina oficial da Gran Final das Series Mundiais, ao tempo que se crean e se distribúen folletos de publicidade co código QR da nomeada web para facilitar o acceso a todos os visitantes chegados de todo o mundo. Estes folletos estarán dispoñíbeis nos hoteis e albergues da cidade e nas instalacións deportivas.

A inscrición estará aberta até o 31 de agosto. «Este é un evento realmente importante para Pontevedra, un evento que xerará un retorno económico importantísimo e queremos que quede o maior número de recursos na cidade», finalizou Anabel.