O Concello habilitará unha pantalla para seguir a final do Mundial de Fútbol no que participa a pontevedresa Teresa Abelleira 

110
Nun principio, a pantalla será instalada na Praza da Ferraría, comezando a retransmisión pouco antes das 12.00 horas, intre no que se iniciará o encontro deportivo 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou esta mañá que se está a traballar na instalación dunha pantalla que permita seguir a final do Mundial de Fútbol que se disputará en Sidney o vindeiro domingo, 20 de agosto, ás 12.00 horas (hora local) e na que xogará a pontevedresa Teresa Abelleira.

«Sabedes que sempre facemos un seguimento de todos os pontevedreses que están en competicións internacionais. Neste intre a actualidade xira ao redor do fútbol feminino, dun xeito claro e cun protagonismo enorme de Tere Abelleira», indicou o rexedor. «Tere é unha xogadora galega e pontevedresa, unha muller que xa foi recepcionada neste Concello para recibir os parabéns de todos os pontevedreses cando pasou a formar parte da selección absoluta».

«É un orgullo ver o papel que está a desenvolver no Mundial e non é algo de chovinismo pontevedrés, calquera pode comprobar que está a ser unha xogadora clave e excepcional», comentou Lores. «Ao longo destas semanas fun falando con ela vía WhatsApp. Felizmente pasaron a esta final, a competir polo campionato mundial, e só pode ser unha boa nova que unha galega estea xogando a este nivel».

O rexedor explicou que se tomou a decisión no Concello de retransmitir a final do Mundial, «en principio», desde a Praza da Ferraría, lugar escollido por motivos «técnicos e loxísticos». «Non sei se será xigante, mais será o suficientemente grande para que poida vela todo o mundo. Estamos artellando o asunto e hai tempo suficiente de aquí a domingo para celebrar que Teresa participará nun feito histórico. Só agardo que poidamos poñer tamén pantallas o día que Teresa participe coa selección galega nalgún campionato internacional».