O informe da Secretaría do Pleno establece a inviabilidade da moción que busca modificar a ordenanza que regula a venda ambulante 

188
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, lamenta que neste intre os vendedores e vendedoras están sendo utilizados politicamente 

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, eu conta este mércores, 9 de agosto, do informe elaborado de oficio pola Secretaría do Pleno no que queda establecida a inviabilidade da proposta presentada polo PSOE ao respecto da modificación da ordenanza reguladora da venda ambulante.

A intención do PSOE é levar ao vindeiro pleno esta modificación da ordenanza proposta pola anterior concelleira de Promoción Económica. «A modificación que introduce é unha modificación de carácter substancial ao propoñer a mudanza da ubicación definitiva, unhacuestión de certa transcendencia», contextualizou a edil. «Nos últimos días tivemos un acceso a este informe de oficio realizado pola Secretaría do Pleno no que, de xeito claro, se establece a inviabilidade da proposta presentada polo PSOE».

Seguindo as palabras da concelleira, este informe tamén establecería outra cuestión de interese como é a procura de fórmulas alternativas á hora de modificar ou alterar esta ordenanza derivaría no inicio «dun longo camiño».  

No informe explícase que a proposición presentada contén unha alegación á ordenanza en tramitación presentada despois do prazo de exposición pública, polo que procedería, polo tanto, a súa inadmisión por extemporánea. Algo que «ten certa lóxica», para Gulías, xa que «non se poden presentar alegacións unha vez que finaliza o proceso de alegacións, xa que todo volvería comezar, abrindo novos períodos de exposición cada vez que isto pasase».

Doutra banda, o documento tamén indica que a proposición carece dos informes preceptivos e, de ser aceptada, precisaría dunha nova fase de exposición pública e audiencia, o que necesitaría dun informe de Asesoría xurídica. «En poucas palabras: non vale»,  resumiu a edil. «Non vale facelo desta forma. Estamos falando dunha cuestión seria. No intre no que está agora mesmo a tramitación da ordenanza suporía varios meses… no mellor dos casos estaríamos falando dunha solución para o ano que vén».

«Sempre advertimos que a ordenanza xogaba un papel chave neste tema e sempre fomos moi claras nisto. A ordenanza condicionaba e condiciona calquera movemento posterior e agora lemos un informe emitido pola secretaría do pleno que así o vén a ratificar», sinalou Gulías. «Lamentamos fondamente e respecto todas as decisións do sector de non montar, son protestas lexítimas, mais coido que neste intre os vendedores e vendedoras están sendo utilizados politicamente».

Gulías quixo subliñar que «se alguén está dicindo que isto vai ser cuestión de días e que no próximo pleno será arranxado ten que saber que é falso», lembrando que xa non se entra no terreo da opinión, senón da parte técnica ao existir un informe deste tipo, indicando que a solución vai tardar e que non é posíbel facer unha modificación cando xa remataron todos os trámites pertinentes. 

Por último, a edil lembra que o ofrecemento de usar a contorna do Mercado pola avenida de Bos Aires como emprazamento alternativo para a feira segue en pé, procurando crear novas sinerxías co Mercado e os diferentes comercios e establecementos desta zona. «Estamos dispostos a facilitar a súa montaxe no menor tempo posíbel», explicou. «Teñen a opción de escoller Rafael Areses ou este novo espazo. Creo que neste intre da cuestión é preciso ser claros co que supón cada decisión e a moción do PSOE non comporta que no vindeiro pleno se vaia decidir a ubicación definitiva da feira… non é certo».

A concelleira subliñou que ao longo deste proceso o Goberno Local foi sensíbel á hora de escoitar as peticións de achegar a feira ao centro e buscar unha ubicación alternativa e modificou a súa posición inicial propoñendo a avenida de Bos Aires e non só Rafael Areses.