Curros Enríquez mellora a súa imaxe coa reparaciónde todos os bancos da praza e unha limpeza integral

61

A Concellaría de Sostemento dos espazos públicos, seguindo o mandato do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, limpou e tratou todas as madeiras dos bancos e retirou e colocou tres dos bancos máis grandes para ser reparados.

Fíxose unha limpeza integral da praza, que loce bo aspecto tamén grazas a retirada da cabina de Telefónica que estaba moi deteriorada. 

O Concello de Pontevedra continúa adiante coa mellora dos espazos públicos e do mobiliario urbano da cidade segundo o novo tempo aberto o pasado mes de xuño baixo unha supervisión directa do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

A concellaría de Sostemento do espazo público, que dirixe Xaquín Moreda concluíu nesta semana a mellora de todos os bancos da praza de Curros Enríquez. Para iso retiráronse as pezas de madeira sobre os 8 bancos pequenos da praza, lixáronse, decapáronse e volvéronse vernizar. E xa están instalados.

Tamén se retiraron tres dos catro bancos grandes situados na praza de Curros. A concellaría ordenou a retirada dos bloques de pedra que conforman os bancos que se trasladaron até a nave municipal para ser reparados. Onte pola mañá colocáronse coa axuda dun camión grúa. Quedaron perfectamente aliñados tal e como se concibiron no día da reforma da praza xa que co paso do tempo estaban movidos. Tamén se trataron as madeiras en superficie. 

A intervención en Curros Enríquez rematou hoxe cunha limpeza integral de parte da praza que ten unha importante carga diaria de hostalería.

Precisamente a praza de Curros Enríquez tamén mellorou o seu aspecto nestas semanas coa retirada da cabina de Telefónica que se atopaba en desuso, estaba deteriorada e achegaba moi mala imaxe á praza.

Tal e como afirmou o alcalde Lores a principios de mes, un dos retos máis importantes deste mandato é manter os espazos públicos en perfecto estado de uso e goce dos veciños. Trátase dun traballo laborioso e constante que permitirá mellorar a calidade de vida dos pontevedreses e pontevedresas.

Xaquín Moreda, concelleiro de Sostemento de espazos públicos.