O Concello lanza o ‘Plan Mercado’ co obxectivo de dinamizare actualizar o espazo do Mercado e toda a súa contorna 

93
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou esta mañá un proxecto que inclúe a licitación dos postos baleiros, unha nova estratexia de comunicación, retomar o protocolo co CIFP Carlos Oroza e actividades como degustacións, conferencias, visitas guiadas…
A chegada da feira ambulante á avenida de Bos Aires, o impulso ao mercadillo de antigüedades e a creación dun mercado de novas creadoras forman tamén parte deste plan  

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, ofreceu unha rolda de prensa este xoves, 3 de agosto, no primeiro andar do Mercado. Desde este espazo de comercio e encontro social, a edil revelou as intencións do Goberno Local con respecto á promoción económica da cidade.

Gulías lembrou que os momentos iniciais dun mandato poden ser difíciles por mor das présas e do entendemento das novas funcións ou das novas áreas, mais tamén que son intres «ilusionantes e emocionantes» á hora de emprender novos proxectos e facer unha declaración de intencións sobre certos eidos. No referido á promoción económica e á promoción da cidade, a edil quixo poñer sobre a mesa o bautizado como ‘Plan Mercado’.

«Hai unha cuestión básica no referido ao Mercado: estamos nun equipamento público, un equipamento no que se investiron centos de miles de euros en poñelo a andar e poñelo a funcionar. É a nosa obriga traballar en actualizar e dinamizar este espazo», indicou. «Por que escollemos no seu día traballar sobre o Mercado? Porque era un equipamento público central, situado nunha zona da cidade que precisaba dinamización».

A edil rememorou que o Mercado recibiu hai varios anos un impulso e un pulo que por diferentes cuestións fixo que se perdese. «Falamos dunha pandemia, falamos de diversas situacións que minguou a actividade que hoxe vemos aquí», indicou. Así, o Concello impulsará unha nova licitación para a vintena de locais que agora están baleiros no andar superior do edificio. Ademais, será retomado o protocolo iniciado co CIFP Carlos Oroza para que o Mercado «sexa unha experiencia gastronómica total e atraer a novas persoas».

Os seguintes pasos trala decisión de impulso pasa pola creación dos pregos e realizar unha pequena reforma para adaptar a subministración eléctrica dos postos ás súas necesidades. «Aparte de todo isto, faremos unha estratexia de comunicación realmente potente, na que promocionaremos este espazo e a súa contorna, así como a toda a xente que aquí traballa. Falamos dun equipamento emblemático, por iso decidimos e xa estamos elaborando os pregos dunha subvención que até o de agora estaba sen executar, como é o Plan de sostenibilidade turística de destino cidade de Pontevedra, no que hai preto de medio millón de euros co que actualizar, traballar en novas actividades e demais».

O enfoque do Concello nesta nova etapa para o Mercado pasará por unha dinamización directa e promocional con conferencias, visitas guiadas (escolares, asociacións, turísticas…), ludotecas, recetarios saudábeis, hibridar o primeiro andar coa planta baixa, degustacións, traballar para a veciñanza… «En definitiva, facer que o Mercado volva ser o punto neurálxico desta zona da cidade e mesmo da zona monumental», indicou Gulías.

Doutra banda, no referido aos arredores do edificio, a edil comentou que é preciso ter tres elementos básicos a realizar:

  • O traslado da feira ambulante á avenida de Bos Aires (Ofrecendo unha nova vida á feira e creando novas sinerxías tal como se veñen creando noutras cidades e vilas, amais de fomentar campañas de harmonización estética e de promoción da mesma feira)
  • Novo impulso ao mercadillo de antigüidades (É preciso darlle unha volta, algo que de xeito probábel se faga a través dunha licitación dos postos coa complicidade das tendas de antigüidades da cidade que poidan ter un escaparate neste lugar, mais tamén da comarca)
  • Mercado de novos e novas creadoras (Mesturar o tradicional co moderno, traendo novos públicos e creando espazos con identidade. Crearanse dúas casetas permanentes na zona que servirán de escaparate a novas creadoras da cidade)