O Concello custodia os restos do Cruceiro do Montiño, en Lérez, e inicia os informes para a súa restauración

61

Un vehículo derrubou o cruceiro esta semana e a Concellaría de Patrimonio histórico recolleu as pezas e trasladounas a dependencias municipais.

A escultura atopábase no cruzamento da estrada EP-0016 e a subida ao colexio de Lérez, no lugar de Casal Novo. 

O Concello de Pontevedra está traballar na restauración do Cruceiro do Montiño, situado no lugar de Casal Novo, na parroquia de Lérez, que esta semana foi derrubado por un vehículo que chocou contra el. Os restos do cruceiro están baixo a custodia da Concellaría de Patrimonio histórico, que xestiona a concelleira Carme da Silva.

Unha vez tivo coñecemento do sucedido, o Concello deu orde de retirada das pezas do cruceiro que quedaron na estrada; foron trasladados a dependencias municipais e o servizo de arqueoloxía xa está a traballar para elaborar os informes sobre os danos causados e a posibilidade de restauración da escultura.

O cruceiro atópase no cruzamento da estrada EP-0016 coa vía que sube do CEIP San Benito de Lérez, á altura do lugar de Casal Novo. Consta dunha plataforma de tres chanzos cunha base cúbica. Ten varal, capitel e cruz na que se amosa á Virxe por unha cara e o Cristo pola outra.