O Concello propón a avenida de Bos Aires, detrás da Plaza, para o traslado definitivo do mercado ambulante de Pontevedra 

21

Anabel Gulías trasladou á Xunta de Goberno as xestións e o informe realizados nestas semanas analizando as distintas alternativas propostas. 

A concelleira recorda que “a proposta gústanos porque é unha declaración de intencións de rehabilitar unha zona do centro histórico” no que está situado o Mercado de  abastos, centro tractor de turismo e do comercio local.

A concelleira responsable de Promoción Económica, Anabel Gulías deu conta esta mañá na Xunta de Goberno Local das xestións e do estudo realizado ao respecto de buscar un novo emprazamento para o mercado ambulante de Pontevedra, seguindo as directrices marcadas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. A concelleira inluíu este asunto dentro dos puntos de impulso político do Goberno na Xunta de Goberno Local, onde se acordou notificar a todos os axentes que participaron na rolda de contactos da Concellaría do resultado do estudo preliminar que propón a avenida de Bos Aires (fronte ao mercado de abastos) como emprazamento definitivo.

Anabel Gulías explicou que se mantiveron contactos con todos os sectores e distintas sensibilidades da cidade “que tiñan que dicir algo sobre esta cuestión”, porque entende que o traslado dun mercado ambulante tense que facer con “coidado” especialmente “para facelo de forma definitiva porque a provisionalidade non é positiva para o mercado nin para a cidade, nin para ninguén”. 

A concelleira asegurou que “o reto era intenso e tratouse de facer coa maior celeridade”, de aí as entrevistas destas semanas con Zona Monumental, Hoempo, Aempe, Federación Castelao, os ambulantes, as praceiras os servizos técnicos municipais, a Policía, a concellaría de Promoción económica… entre outros. E “queríamos traballar cunha valoración obxectiva de factores que condicionasen ese emprazamento”.

Os emprazamentos estudados

O punto de partida foron os emprazamentos que se puxeron en consideración: Arcebispo Malvar, Rafael Areses, Alameda, Campolongo, Serra e avenida de Bos Aires “que se puxeron sobre a mesa nalgún momento e saíron nalgunhas das xuntanzas”, indicou Anabel Gulías.

Seguíronse os seguintes criterios de valoración: idoneidade do emprazamento, atractivo comercial e as preferencias dos axentes. “Tratamos de asignar unha puntuación obxectiva de todos os emprazamentos”, indicou Gulías, quen aclarou que nestes tres criterios fixabanse, tamén, subcriterios como a superficie dispoñible, a dispoñibilidade anual dos emprazamentos, a facilidade operativa, a carencia de barreiras arquitectónicas e o sostemento do espazo. Ao respecto da superficie, por exemplo, foi eliminatoria no caso de Arcebispo Malvar e Serra “porque non temos os metros que se precisarían”.

No atractivo comercial foi básica a centralidade do emprazamento porque “era un factor que había que corrixir”. Dende o goberno tíñase claro que había que modificar Rafael Areses porque era un emprazamento que estaba “alonxado do centro”, indicaba Anabel Gulías. Recolleuse como centro o cruzamento de Daniel de la Sota e Cobián Roffignac e Benito Corbal, e mediuse a distancia das localizacións a esta centralidade.

Ademais de outros moitos criterios, a facilidade de acceso “para o Goberno é básico a facilidade do acceso a pé ou ciclista, e buscabamos os criterios de estacionamento de balde ou parking ou estacionamentos da propia feira”.

A puntuación

Con todas estas cuestións, fíxose unha puntuación de: Rafael Areses 98; Alameda 103,68; Campolongo 118,47; e Avenida de Bos Aires 154,35.

Ao respecto da avenida de Bos Aires, Anabel Gulías indicou que se trata de cortar o tráfico en tres carrís entre as pontes de Santiago e o Burgo, un peche que xa se analizou polos servizos e non suporía un especial problema. Deixaríase acceso nun carril ao Mercado de Abastos e a carga e descarga.

Anabel Gulías indicou que “habería espazo dabondo e con posibilidade de crecemento, e incluso empregar algúns outros emprazamentos”. Tamén indicou que deixaría espazo para a montaxe dos postos, senón que o terceiro carril deixaría para aparcar os vehículos e deixar moi preto do posto”.

Obxectivo: revitalizar a contorna do Mercado

“Esta proposta gústanos porque é unha declaración de intencións de rehabilitar unha zona do centro histórico. Temos un equipamento municipal que é un tractor de turistas, exponente de comercio local e de proximidade. E é unha zona que queremos revitalizar, non soamente con isto, senon que traballaremos para que esta sexa unha zona dinámica e atractiva e cumprir obxectivos fundamentais coa zona monumental”, confirmou Anabel Gulías.

Tamén resaltou a concelleira que “é unha aposta dedicida polo comercio local e pola proximidade. En case todas as cidades galegas as ferias están na contorna do mercado porque as sinerxias son varias para todos. Ofrece unha relativa facilidade de aparcamento, de acceso, posibilidade de crecemento, de empregar os aseos do mercado e creemos que é unha boa proposta”. 

E adiantou que “estamos dispostos a darlle a toda a celeridade, se as partes aceptan, se hai certo consenso. Estamos dispostos a facer efectivo o traslado nos próximos días ou semanas, e a sentarnos e a seguir negociando. É punto de partida cun diálogo permanente para mellorar a cidade”, concluíu Anabel Gulías.