O Concello inicia a construción do novo campo de fútbol de Salcedo tratando de axilizar os prazos de execución 

42

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías trasladouse ao terreo do campo onde se asinou a acta de inicio e se pediu á empresa que acelere, na medida do posible, a execución do proxecto.

Na vindeira semana comezará toda a roza da parcela e se realizarán as medicións topográficas. 

O Concello de Pontevedra iniciou esta mañá os traballos de construción do campo de fútbol de Salcedo co acto formal de sinatura da acta de inicio nos propios terreos do campo e coa presenza da concelleira de Deportes, Anabel Gulías, os arquitectos do proxecto, a empresa adxudicataria Prace e os técnicos municipais. A concelleira celebrou a sinatura desta acta porque supón o inicio “dun equipamento necesario e seguiremos traballando por ter equipamentos excelentes para a práctica do deporte”.

Nos mesmos terreos celebrouse unha reunión na que se informou que nos vindeiros días iniciarase o desbroce de toda a parcela para realizar, a continuación, as medicións topográficas necesarias.

A concelleira pediulle celeridade á empresa á hora de executar a obra, tratando de que os prazos sexan o máis áxiles posibles.

O campo de fútbol de Salcedo foi adxudicado á empresa Prace – Servicios y Obras por un orzamento de 1.959.886,16 euros, logo de ter que desaxudicar unha primeira licitación.

O campo de fútbol terá unhas dimensións de 100×58 metros e o pavimento de herba artificial coas prestacións homologables pola FIFA. O proxecto plantexa tres edificacións, a situada no lado oeste conterá os vestiarios, a enfermería, o almacén e outras instalacións; no lado norte construiranse dúas edificacións, nunha estará a cantina e os aseos, e na outra un almacén para bicicletas e unha aula de natureza.