Chega Itineranta, o ciclo onde «calquera cousa, en calquera intre e en calquera lugar» é posíbel 

258
Entre o mércores 26 e o venres 28 de xullo, os espectáculos de animación de rúa encherán de música, baile, clown e festa a Boa Vila
O festival contará con compañías chegadas de todo o Estado (Catalunya, Euskadi ou Andalucía) mais tamén de Portugal 

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, presentou esta mañá unha nova edición do ciclo Itineranta, incluído dentro da programación do Pontevedra Verán Fest. Itineranta aparece no verán da cidade como unha cita xa clásica ao alcanzar a súa duodécima edición e ofrecer, a través dos diferentes espectáculos, intres inesquecíbeis e realmente especiais na Boa Vila.

O festival internacional de animación de rúa chega un ano máis, «totalmente asentado» porque «Pontevedra se adapta perfectamente a este tipo de espectáculos, o que permite que pase calquera cousa, en calquera intre e en calquera lugar», sinalou o edil. «Podemos atopar unha festa, unha sorpresa, un espectáculo… Itineranta está metida na axenda dos pontevedreses e das pontevedresas, só hai que avisar do seu inicio para ver as rúas cheas de xente gozando do que propoñen as compañías».

Sergio Rordríguez, representando a Troula na presentación do ciclo, indicou que o mellor resumo para Itineranta e a idea de «saír a rúa e que pasen cousas: un zancudo, un tragalumes, un clown, unha persoa bailando… poden aparecer mil historias e esa é a esencia deste festival». «Pontevedra é un marco incomparábel para este festival porque é a localización perfecta na Galiza, levamos anos traballando aquí e deste xeito e así o seguimos pensando».

Itineranta contará este ano con compañías chegadas de todos os recunchos do Estado: Euskalerría, Catalunya, Andalucía… e tamén de Portugal, coa presencia da compañía Pia e o seu espectáculo Entremundos, «do que levabamos anos detrás e este ano estarán aquí».

Eis a programación completa:

Mércores, 26 de xullo

  • Todo Zancos – Mediterraneus
  • CIA Cirteani – Trotaclowns
  • Latexo Percusión – O Son dos Tambores
  • Pablo Méndez Performances – Mexican Parade

Xoves, 27 de xullo

  • Actúa Produccións – Wonderwool
  • Fadunito – +75
  • Todo Zancos – Cercles
  • Yera Teatro – Lumen

Venres, 28 de xullo

  • Actúa Produccións – Wonderwool
  • Todo Zancos – Metamorphosi
  • Pia – Entremundos
  • Deabru Beltzak – Les Tambours de Feu