Instalado a caixón prefabricado na praza de Barcelos que permitirá retirar o transformador de Fenosa do colexio 

29

O alcalde visitou esta semana as obras de instalación desta envolvente que acollerá todo o sistema eléctrico que está situado no transformador de entrada do colexio.

Esta obra está incluída como mellora dentro do proxecto de remodelación da praza de Barcelos que xa rematou o soterramento dos servizos no lateral da praza e comeza a creación das novas beirarrúas.  

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta semana os traballos de colocación da envolvente prefabricada que acollerá o traslado do transformador de Fenosa instalado na entrada do colexio de Barcelos. Este proxecto está incluído dentro da reforma da praza de Barcelos e foi ofertado como mellora cun orzamento de 176.714,53 euros. O alcalde visitou a obra civil de instalación acompañado do concelleiro de Educación, Demetrio Gómez. 

Trátase da primeira fase para o traslado do transformador: a apertura dunha gabia de 8 metros de longo por catro de largo e a instalación deste elemento prefabricado ao que se trasladará todo o sistema eléctrico do transformador que abastece ao centro de ensino pero tamén a esa parte da cidade. A estrutura está situada entre a praza e o centro de ensino por recomendación técnica.

O traslado do transformador do CEIP de Barcelos foi incluído dentro da reforma da praza de Barcelos como mellora da obra aproveitando a retirada e colocación das novas tubaxes para os servizos soterrados da praza e das vivendas.

Na actualidade a empresa adxudicataria xa ten instalada todas as novas tubaxes no lateral da praza e inicia a creación das novas beirarrúas. O ámbito de actuación desta fase é de 7.768,44 m2.

A remodelación da praza da Barcelos consiste na actuación no vial e nas beirarrúas. Ten un custe de 1.941.347,81 euros.