A Feira Franca supera as cifras de 2022 en solicitudes de xantares, ceas, mercado e hostalaría 

521

A oficina da Feira Franca recibiu 183 peticións para ceas e comidas, 120 para artesanía e 129 para a hostalaría.

Os datos anticipan unha celebración cunha alta particiación e implicación da veciñanza. 

Rematado o prazo de presentación de solicitudes para a montaxe de mesas e postos de hostalaría, mercado ou xantares e ceas, a oficina da Feira Franca anticipa unha altísima participación da veciñanza pontevedresa na cita medieval deste ano. 

Os datos emitidos pola nomeada oficina indican que foron recepcionadas as seguintes peticións: 183 ceas e xantares (173 foran recibidas o pasado ano), 120 postos para artesanía (89 o pasado ano) e 129 de hostalaría (119 o pasado ano). 

Deste xeito, as cifras de participación no referido ao montaxe de mesas e postos gastronómicos ou artesanais xa superarían as do ano 2022. 

A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela, procedentes de todos os recunchos do país e máis alá das nosas fronteiras; un peche apoteósico dos días de verán creado por e para a xente; unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade; unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan o tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración. 

Está considerada pola Xunta de Galiza como Festa de Interese turístico galego desde o ano 2013.