Pilar Señoráns, pregoeira das Festas da Peregrina 2023

264
A presidenta da Asociación de Veciños de Santa María é desde os anos noventa un referente no movemento veciñal da cidade é unha das responsábeis da posta en valor da contorna de Santa María e da Zona Monumental
A lectura do pregón será ofrecida desde a balconada da Casa Consistorial o sábado 12 de agosto, ás 12.00 horas, recuperándose este espazo para a nomeada tradición 

O segredo, gardado até o último segundo previo á rolda de prensa, foi revelado. Pilar Señoráns será a pregoeira das Festas da Peregrina deste 2023. A presidenta da Asociación de Veciños de Santa María ofrecerá as palabras que dan inicio aos días máis festivos do verán pontevedrés desde a balconada da Casa Consistorial na Praza do Concello, recuperando o uso deste espazo para a nomeada tradición.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Festas, Demetrio Gómez, acompañaron á líder veciñal na rolda de prensa concedida aos medios de comunicación para facer o anuncio. «Pilar é unha persoa que está permanentemente na actualidade e na actividade do movemento veciñal desta cidade. É unha persoa colaboradora, unha persoa nos fai un pouco mellores a todos e que presiona ao Goberno para que se fagan cousas», sinalou o rexedor.

«Xa antes de ser alcalde puiden coñecela, mais desde que me tocou coincidir con ela como rexedor as súas propostas sempre me pareceron creativas, de mellora de funcionamento para a cidade, especialmente na zona monumental. Contamos sempre con ela. É unha defensora do patrimonio relixioso mais tamén do civil. É unha persoa que tirou sempre pola recuperación de Santa María», explicou Lores. «É, en definitiva, unha muller implicada coa veciñanza e que fixo un traballo ao longo destes anos de posta en valor de toda a zona de Santa María, incluíndo a súa basílica. Queríamos contar con ela para dar o pregón e aceptou, por iso hoxe lle damos as grazas publicamente».

A líder veciñal e mestra sinalou que «era un orgullo» poder realizar a lectura do pregón este 12 de agosto. «É tamén unha forte responsabilidade» explica a pregoeira, e, seguindo as súas palabras , esta situación chegou a quitarlle algunhas horas de sono. «Non sei se son merecedora, pero aquí estou. Algo faría… ou, máis ben, algo faríamos, pois as cousas nunca se fan en solitario. Teño moitas persoas detrás que me axudaron estes anos».

Señoráns recoñeceu ter certos nervios de cara á volta do pregón á balconada da Casa Consistorial logo de máis dunha década sen este uso. «Penso que a sociedade pontevedresa demanda desde hai tempo que o pregón sexa aquí e agora está de volta», sinalou. «Levei unha sorpresa coa proposta. Sei que é polo traballo que levamos feito en Pontevedra xunto coa directiva da Asociación de Veciños de Santa María. Sempre pedimos, e pedimos moito, pero coido que dunha maneira axeitada, tamén dando ao mesmo tempo, aportando algunhas solucións. Cando un vive os problemas é posíbel tamén pensar solucións que doutro xeito non se ven».