O alcalde visita a senda do Gafos e ordena recuperar o seu esplendor 

44
Afirmou que o lugar de esparexemento de centos de persoas da cidade viuse especialmente deteriorado nos dous últimos anos polo que lle deu orde ao responsable de xardíns de volver a recuperar o seu estado orixinal
Xa se fixeron actuacións de emerxencia as últimas semanas pero continuarán coa actuación en toda a senda de xabre e a retirada dos valados entre Alcalde Hevia e Xeneral Rubín, logo dunha actuación de seguridade entre outras actuacións que pretenden que o paseo «estea en servizo, limpo e arranxado»

O alcalde de Pontevedra,  Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá a senda urbana do Gafos, entre as rúas Gorgullón e Alcalde Hevia para comprobar o seu estado e dar as ordes pertinentes para recuperalo. “Non nos podemos permitir o luxo de ter este paseo sen estar en servizo, limpo e arranxado”. Acompañado do concelleiro responsable do mantemento urbano e de parques e xardíns, Xaquín Moreda percorreu toda a senda observando os arranxos de emerxencia realizados nestas dúas semanas así como outras intervencións que o Concello irá facendo ao longo das vindeiras semanas.

O alcalde afirmou que “temos a sorte de ter unha zona especialmente agradábel, atractiva para as persoas que viven na cidade que polos motivos que sexan estaba nunha situación lamentable”. Manifestou que “din a orde pertinente ao responsable de zonas verdes para que tomara as medidas para recuperar no seu esplendor a senda do Gafos. Non podemos permitir ter un espazo no que a xente pasea nun estado no que non pode estar”.

Fernández Lores informou de que nestas semanas fixéronse traballos de emerxencia como o tapado de fochancas grandes ou a tala de árbores cara María Victoria Moreno que caían sobre o río ao estar descalzados. Tamén anunciou que se fará “o máis rapidamente posible” un tratamento integral en toda a senda de xabre, así como a apertura da pasarela que conecta a senda do Gafos coa zona da estación de autobuses que permanece pechada porque durante as obras de reforma da estación estaba ocupada por unha persoa que plantou lume. Os servizos técnicos municipais están pendentes de emitir informe sobre o estado de seguridade da pasarela e poder abrila ao público canto antes (ou arranxala de ser necesario), e conectar o paseo cara Josefina Arruti.

Tamén confirmou que está tomada a decisión de retirar o valado sobre o paseo do Gafos entre Alcalde Hevia e Xeneral Rubín, unha vez que se faga unha intervención de seguridade “para que se abra o paseo o antes posible”.

Ademais, concretou que están iniciadas as obras na conexión entre Xeneral Rubín e a rúa Tablada, por riba do Gafos, unha vez que se indicou aos edificios da zona da necesaria retirada duns tanques de gas situados en espazo público para poder continuar o paseo e continuar a senda cara Rosalía de Castro.

“A decisión é política, de recuperar e poñer en valor este paseo na parte visible. Non podemos permitir o luxo de ter este paseo sen estar en servizo, limpo e arranxado”, explicou o alcalde quen dixo que os investimentos procederán de distintos contratos como o de mantemento da cidade, de xardíns e novas partidas que se irán habilitando para recuperar o esplendor do Gafos especialmente deteriorado nos dous últimos anos.