A Xunta Local de Seguridade pon o foco na coordinación entre os distintos corpos de seguridade de cara á celebración da Gran Final das Series Mundiais

13
O alcalde presidiu a reunión entre Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil co fin de afondar no traballo conxunto que é preciso para levar a bo porto un evento destas características 

Esta mañá de mércores, 19 de xullo, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presidiu a Xunta Local de Seguridade para definir a coordinación entre os distintos corpos e forzas de seguridade de cara ás Festas da Peregrina e, en maior medida, á Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que se celebrará en setembro.

«No referido as Festas da Peregrina o esforzo de coordinación recaerá sobre a Policía Local e a Policía Nacional. Haberá moitos eventos, moita xente e sempre é preciso coordinarse entre os corpos tal e como se vén facendo ao longo do ano», indicou o alcalde. «O certo é que na reunión de hoxe puxemos máis o foco na Gran Final das Series Mundiais, xa que se trata do evento deportivo máis importante que acollerá Galiza e, probablemente, o Estado neste 2023».

A Gran Final é un evento que se desenvolverá entre os días 20 e o 24 de setembro e achegará até a cidade a máis de dez mil persoas. «Precisaremos ter unha boa coordinación coa Garda Civil de Tráfico pois algúns días será preciso cortar a estrada N-550 en dirección Barro desde Pontevedra. Polo tanto é necesario que exista esta coordinación, este traballo conxunto. Xa hai un contacto permanente entre os corpos e forzas de seguridade coa Policía Local, pero é evidente que temos que facer un esforzo extra de cara a estas citas. A Subdelegación do Goberno está de acordo e así o faremos coa Policía Local ao fronte».