A reforma da nova praza do lateral da Casa Consistorial, na recta final 

29

O alcalde e o concelleiro de Obras, César Mosquera visitaron hoxe o desenvolvemento dos traballos que permitirán retirar os valados deste lateral como da fachada da Casa Consistorial no prazo de dúas semanas.

As obras de reforma interior do edificio van o bo ritmo e permitirán dar o pregón da Peregrina dende o seu balcón o vindeiro 12 de agosto. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá o desenvolvemento da reforma da nova praza lateral da Casa Consistorial, en compañía do concelleiro responsable da Obra pública, César Mosquera. Ademais, aproveitaron para achegarse ao interior da Casa Consistorial e comprobar a boa evolución da reforma que permitirá dar o pregón das Festas da Peregrina o vindeiro 12 de agosto.

O alcalde explicou que a de hoxe foi “a última visita previa ao pregón da Peregrina que se fará dende o balcón da Casa consistorial”. Adiantou que a praza lateral estará totalmente operativa, de feito en dúas semanas retíranse os valados ao igual que os da fachada principal do Concello. De todos os xeitos, “a obra vai a continuar até final de ano pero estamos vendo que está avanzado e vai a estar operativa para o día 12 pola mañá”.

Ao respecto da praza lateral do Concello, o concelleiro de Obras públicas, César Mosquera explicou que “o espazo queda radicalmente modificado e moitísimo máis amplo. Era algo que quedaba aí e que tocaba atacar aproveitando todo o que se pode: as instalacións deste edificio quedarán debaixo da praza, poranse bancos e gánase espazo que estaba infrautilizado e cun sostemento difícil e de pouca utilidade”. 

O concelleiro recoñeceu que “son obras que me encantan, que se fan cariño e que completan cidade facéndoa máis integrada e bonita. Pode parecer unha cousa menor, pero para min non o é”.

O custe total da reforma da rúa é de 258.845,71 euros adxudicada á empresa Construcciones Ramírez, ao igual que a rehabilitación da Casa Consistorial. A obra consistiu na renovación dos servizos soterrados, mellora da iluminación, creación dunha plataforma única xerando unha praza e conservando o fento xigante do antigo xardín. Instalarase mobiliario público e disporá dun cadro eléctrico e de protección para os eventos que se queiran realizar no ámbito da praza de España.