A banda Eagles of Death Metal estreará o seu novo videoclip no Teatro Principal de Pontevedra 

176
Producciones Mutantes está detrás da gravación dunha peza que será proxectada por vez primeira en todo o mundo na Boa Vila 
O líder da agrupación, Jesse Hughes, tamén participará nesta presentación, se ben, por mor da coincidencia coa xira mundial na que está inmerso, será de xeito telemático 

A produtora audiovisual Producciones Mutantes é un dos estudios creativos máis recoñecíbeis na Boa Vila. Moitos dos seus traballos relacionados co mundo musical tiveron como protagonistas a bandas da cidade como Bala, Thee Blind Crows ou Skirl. Porén, hai un tempo que recibiron un encargo chegado dun punto algo máis afastado, concretamente desde Estados Unidos, da man do líder da banda de éxito internacional Eagles of Death Metal, Jesse Hughes.

Gero Costas e Romina Doce, fundadores da produtora, reuníronse esta mañá co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Cultura, Demetrio Gómez, para traballar e acordar a estrea dunha colaboración internacional que acabou por cristalizar nun videoclip para a nomeada banda e que será proxectado por vez primeira no mundo na cidade do Lérez. 

Costas explicoulle ao rexedor que antes da pandemia o estudio fixera un videoclip da canción dos Eagles od Death Metal God of Thunder «por probar e por diversión, un fanmade». Unha vez rematado, enviáronllo á banda para logo, con certa sorpresa, recibir unha contestación do mesmo Hughes na que lles invitaba a chamalo e conversar. Deste xeito, houbo un fío de comunicación no que o líder da agrupación amosou o seu intese en gravar un videoclip con Producciones Mutantes nalgún intre, mais a pandemia deixou o asunto en barbeito.

Na súa volta aos escenarios, e coincidindo cunha parada na Sala Capitol de Santiago de Compostela, Hughes retomou o contacto coa produtora pontevedresa, que puxo en marcha toda a súa maquinaria para facer realidade o videoclip, gravando en diversas localizacións da Galiza, incluíndo Pontevedra. Nese sentido, Costas destaca que no videoclip implicouse moita xente pontevedresa, como o estudio Culebra, e mesmo a Uvigo; ademais de incluír referencias a elementos do país, como a queimada e o seu embruxo. «Jesse (Hughes) foi un máis do equipo durante a rodaxe e confiou en nós á hora da parte creativa», explica o produtor. «O resultado é moi chulo e el quedou encantado».

Ese resultado poderá ser ollado no Teatro Principal de Pontevedra nalgún momento do final do verán. É a fiestra temporal que hoxe se barallou na xuntanza co rexedor da cidade e o edil de Cultura. Na estrea estará presente o propio Hughes, que se ben está de xira internacional nestes intres, amosou a súa predisposición de participar dalgún xeito na première, e, en principio, fará a súa aparición cunha videochamada que o conecte co Principal e coa xente que queira ver en primicia o videoclip.

O alcalde parabenizou ao equipo de Producciones Mutantes logo de ser escollidos para dar forma a esta peza e por volver a situar a Pontevedra como un referente creativo no mundo, «a través de xente cun talento máis que demostrado que pode competir a todos os niveis e en todos os espazos que imaxinemos». «O Principal será un escenario de luxo para poder ver este videoclip, e chegado o momento faremos un chamamento a toda a veciñanza para que participe na estrea e sexa partícipe do éxito que é que a cidade e a súa xente e o seu traballo se vexa reflectido polo mundo adiante».

IMG 4922
Xuntanza entre o alcalde e Produccións Mutantes.