O Concello presentará no mes de setembro o recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional contra a prórroga de Ence 

9
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá unha reunión co servizo xurídico municipal e con Francisco Caamaño, responsábel do equipo externo que colabora no caso
«Hai moitos anos que tomamos unha decisión política que foi a de loitar con todas as nosas forzas por recuperar a ría de Pontevedra e así o seguiremos facendo», indicou o rexedor 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este mércores para explicar e sinalar os novos movementos ao redor do caso Ence, trala reunión mantida esta mesma mañá cos servizos xurídicos municipais e coa asesoría externa contratada como reforzo para elaborar a mellor estratexia xudicial posíbel. 

Acompañado de Francisco Caamaño, responsábel do equipo colaborador co Concello de Pontevedra, Lores lembrou que «o propio equipo municipal foi o que deu o visto bo á contratación desta axuda no seu día», tendo agora por diante, de xeito conxunto, o obxectivo de levar un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, co fin de deixar sen efecto a prórroga que permite a Ence seguir ocupando os terreos da ría de Pontevedra até o ano 2073.

O rexedor da cidade agarda que a presentación deste recurso se realice «o máis brevemente posíbel, se ben hai prazo suficiente para facelo con todas as garantías». «Cremos que temos todos os argumentos xurídicos posíbeis e, desde logo, no Concello levamos moitos anos cunha decisión política tomada: recuperar a ría de Pontevedra para a veciñanza logo dunha decisión que se tomou en contra de todo sentido común. Non imos de deixar de loitar e temos todas as razóns posíbeis para facelo, mais cremos que se está a vulnerar a lexislación vixente cunha prórroga que vai en contra da recuperación do litoral».

Caamaño indicou que a estratexia a seguir estará baseada no que se entende por denegación técnica de xustiza. Nese sentido, lembrou que a sentencia da Audiencia Nacional que anulou a prórroga no seu día só tivo en conta unha das cinco cuestións xudiciais presentadas. O Tribunal Supremo, ao emitir o seu fallo e tampouco permitir que a Audiencia Nacional poida estudar estas catro cuestións restantes, iría en contra da xurisdición do mesmo Constitucional. 

O recurso de amparo será presentado, en principio, no comezo do mes de setembro e que debera ter percorrido no nomeado Tribunal ao transcender, este litixio, os intereses dunha administración pública, da poboación en xeral e do litoral.