O alcalde denuncia a posición da Axencia Galega de Infraestruturas na recuperación da Xunqueira da Gándara ao non liberar os terreos ocupados 

38
O Concello recibiu o pasado 3 de xullo unha carta remitida desde a AXI na que se omite e ignoran os marcos acordados co presidente Rueda na reunión mantida o 22 de outubro 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu en rolda de prensa esta mañá para dar conta da carta remitida desde a consellería de Infraestruturas e Mobilidade, asinada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez Iglesias, e a correspondente resposta emitida desde a Alcaldía do Concello de Pontevedra, ao presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda.

«O que queremos é manifestar a nosa estrañeza», sinalou o rexedor. «Na reunión que mantiven co presidente da Xunta o pasado outubro falamos sobre a recuperación dos espazos situados en dominio público marítimo-terrestre na Xunqueira da Gándara e manifestamos o desexo do Concello de recuperar eses terreos, chegando a un acordo do que o presidente Rueda deu conta aos medios de comunicación».

O acordo falado naquela xornada procuraba a liberación como unha medida necesaria e positiva, medida na que ambas as dúas administracións, local e autonómica, colaborarían para acadala. Os talleres e a base dos bombeiros forestais trasladaríanse a Botos (Lalín) e ao Polígono do Campiño (Pontevedra) coa colaboración do concello para regularizar a situación desta última parcela, un compromiso xa cumprido polo Concello. 

Para o traslado das instalacións de conservación de estradas da Axencia Galega de Infraestruturas, a petición por parte da Xunta foi a disposición de terreos para a nova ubicación, concretándose as condicións por parte do delegado territorial, Luís López, en canto a superficie e servizos, téndose ofrecido terreos no Polígono de Barro que cumprían sobradamente tales condicións, sen obter resposta polo de agora.

«Con estes antecedentes estaba persoalmente convencido de que os traslados, tanto da base de bombeiros como das instalacións da AXI era cuestión de tempo e de cumprimentar os trámites necesarios. O escrito que enviei en abril estaba dirixido a todos os ocupantes do DPMT en xeral, pero a miña preocupación real eran os organismos do estado que ían máis atrasados nos trámites», indica o alcalde na carta remitida. «Para a miña sorpresa, recibín o 3 de xullo unha carta do Sr. Menéndez, Director da AXI, datada o 29 de xuño, que constitúe unha completa emenda á totalidade sobre o acordado na nosa reunión, así como dos trámites xa realizados».

Lores explica que na carta recibida no Concello de Pontevedra «nin cita, simplemente omite e ignora», que o traslado das instalacións da AXI foi unha petición expresa; que se estivo de acordo en que a liberación do DPMT da Xunqueira da Gándara era necesaria e positiva; ou que a Consellería de Medio Rural vai trasladar os seus talleres nas condicións pactadas e coa colaboración comprometida do concello de Pontevedra xa cumprida. Pola contra, o documento recibido afirma con rotundidade que a liberación do DPMT da Xunqueira da Gándara non é de interese da Xunta, que é de interese exclusivísimo do concello de Pontevedra, en contra do afirmado polo Presidente na entrevista citada.

«Agora, ademais de pedir uns terreos alternativos que se lle ofreceron, tamén pide que corramos cos gastos do traslado. Só podemos entender que o que hai aquí é unha manifestación clara de que a Xunta non quere facelo e utilizan un argumento de pata de banco para dicir que non queren facelo», explicou na comparecencia o rexedor, que agarda ter unha pronta aclaración sobre este estraño episodio e que «poidamos seguir colaborando para levar a bo porto os asuntos que acordamos naquela reunión».