O Concello estuda o seguinte paso xudicial para seguir loitando contra a permanencia de Ence na ría e en Lourizán

82
O Concello recibiu esta tarde o auto do Tribunal Supremo contrario ao incidente de nulidade presentado
contra a sentenza da prórroga de Ence
O alcalde pide tranquilidade aos veciños e veciñas de Pontevedra e tramítelles que non perdan a confianza “porque o Concello vai a seguir loitando por todas as vías posibles para recuperar a ría”

O Concello de Pontevedra vén de recibir esta tarde o auto do Tribunal Supremo no que contesta ao incidente de nulidade da sentenza ditada polo mesmo tribunal o pasado mes de febreiro no contencioso que o Concello mantén contra a pasteira Ence e a prórroga da súa concesión. Este auto tamén é contrario aos intereses municipais tal e como foi a sentenza.

O Concello de Pontevedra quere deixar claro que a resolución era previsible e incluíase dentro da folla de
ruta xudicial elaborada polo Concello, da man dos servizos xurídicos municipais, para seguir loitando coa
permanencia de Ence na ría e en Lourizán.

O auto omite por completo as dúas cuestións que puxo en consideración o Concello: falta de resposta ás
peticións contidas na demanda e vulneración da tutela xudicial. Ante esta situación, o Concello xa estuda
posibles accións adicionais ao respecto deste auto, e con carácter previo á presentación dun recurso de
amparo ante o Tribunal Constitucional e, de ser o caso, o inicio da vía xudicial europea.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores quixo volver “transmitir a todos os cidadáns, porque sei que hai
cidadáns preocupados e desacougados, que manteñan a confianza en que o Concello vai seguir loitando
por todas as vías posibles para recuperar a ría. Temos dereito a reubicar a industrias que están en dominio público e tamén preto de núcleos importantes de poboación. Estou convencido, e cada vez máis, que non hai desenvolvemento económico nin de emprego sen respecto polo medio ambiente. É a nosa obriga deixar
aos novos fillos e netos un planeta mellor”.