Aprobado o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para mellorar a seguridade e mobilidade peonil na EP-0002 en Tomeza 

18
O proxecto creará unha senda peonil de 2,5 quilómetros e contará cun custe de algo máis de 1,7 millóns, dos que o Concello achegará o vinte por cento 

O concelleiro César Mosquera deu conta esta mañá de martes, 4 de xullo, da Xunta de Goberno Extraordinaria celebrada na mesma. O principal asunto da mesma foi a aprobación do borrador do convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para a execución do proxecto de mellora de mobilidade peonil na EP-0002, na parroquia de Tomeza.

«A estrada a día de hoxe forma parte do Camiño Portugués, ao seu paso por Pontevedra, e había un problema histórico no que pasar ou cruzar non era especialmente doado. Tanto o Goberno Local como a Deputación levaban tempo querendo resolver esta problemática e logo de moitos trámites dos que fomos dando conta, hoxe aprobamos o convenio. Así, queda expedito o camiño para continuar coas expropiacións, licitacións e demais que están incluídas no proxecto», explicou Mosquera.

A características básica do proxecto pasa pola creación dunha senda peonil por un dos lados da estrada, de 2,5 quilómetros. O custe do mesmo está situado nos 1.724.510,78 euros, dos cales a Deputación aportará o 80 % —1.379.608,62 euros— e o Concello o 20 % —344.902,16 euros—. A maiores, a institución local farase cargo das expropiacións necesitas para a execución do proxecto, cun importe de 19.835,96 euros.

Aprobado o acordo entre Concello e Atriga para a dispoñibilidade de datos dos contribuíntes

Outro dos asuntos tratados na nomeada Xunta de Goberno foi aprobación do acordo entre Concello e Atriga para a dispoñibilidade de datos dos contribuíntes, e que na práctica se traduce «en que calquera que queira facer un trámite neste Concello, no referido a licitacións ou subvencións, precisa non ter débedas tributarias nin co Estado, nin coa Xunta nin co Concello; agora poderá axilizar e evitar problemas que podían ser máis ou menos habituais».

O edil definiu esta medida como «técnica», mais que no día a día aportará diversas vantaxes aos veciños e veciñas de Pontevedra na súa relación coa Administración.

Reincorporación do director xeral de Persoal ao seu posto de traballo como xefe da Policía Local

Por último, o terceiro e derradeiro asunto tratado na Xunta de Goberno foi a petición realizada polo director xeral de Persoal, Xosé Manuel González Abal, para reintegrarse no seu posto de traballo como intendente da Policía Local de Pontevedra. 

«Foi unha petición propia que realiza o até o agora director xeral de Persoal e nós só podemos agradecerlle os servizos, pois cremos que fixo un gran traballo, mais prefire continuar coa súa carreira profesional», indicou Mosquera. «Teremos que valorar se buscamos substituto para esta praza. Doutra banda, debemos falar de alegría, xa que se reforza o staff directivo da Policía. É unha decisión persoal logo dun gran traballo, e de seguro realizará un bo traballo no seu posto como xefe de Policía.»