O Concello solicítalle a Patrimonio do Estado a devolución de dúas parcelas sen ningún uso na xunqueira da Gándara 

49
As dúas parcelas suman unha superficie total de máis de 10.000 metros cadrados e non contan con ningunha edificación construída nas mesmas
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta do inicio do expediente para a súa transferencia co fin de seguir traballando na recuperación deste espazo natural 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, informou esta mañá do acordo da Xunta de Goberno Local para solicitar a transferencia de dúas parcelas situadas na xunqueira da Gándara por parte da Dirección Xeral do Patrimonio do Estado.

«Estamos a falar de dúas parcelas que non teñen ningún uso nin identificación. No marco do plantexamento que temos desde o Concello de Pontevedra para a recuperación da xunqueira da Gándara, e que xa tivo os seus avances coa demolición do parque de maquinaria e da imprenta da Deputación, solicitamos que o Estado devolva estas dúas parcelas», indicou o rexedor. «Este procedemento vai paralelo ás outras solicitudes e peticións a outras administracións que xa fomos facendo ao longo dos últimos tempos».

Lores subliñou que o Concello seguirá demandándolle á Xunta e ao Estado que colaboren na recuperación deste espazo natural e que «vaian pensando e buscar alternativas á hora de desocupar estes terreos».

A primeira parcela ten un tamaño de 5.026 metros cadrados, namentres a segunda ten 4.995 metros cadrados. Nunca chegaron a ter uso.