Todo preparado na Illa do Covo para acoller unha nova edición so Surfing the Lérez 

38
O edil de Festas, Demetrio Gómez, achegouse até o espazo natural para comprobar in situ os últimos preparativos de cara aos concertos que se iniciarán este xoves ás 17.30 horas 

Pontevedra está ás portas de comezar unha nova edición do Surfing the Lérez. O festival pontevedrés converteuse nun referente ao longo dos últimos anos grazas á súa aposta por un formato diurno, con bandas galegas, un marcado carácter familiar e unha contorna natural incomparábel, ademais de ser de balde.

Este xoves, ás 17.30 horas, a música comezará a saír polo altofalantes do escenario ‘Vibra Mahou’ grazas ás cancións de Helena Egea. Por diante, tres xornadas de ocio, diversión e melodías.

O edil de Festas, Demetrio Gómez, achegouse esta mañá até a Illa do Covo para comprobar os últimos preparativos do festival. «Non damos contado as horas para que dea comezo esta cita», indicou o concelleiro. «A verdade é que este é un traballo complexo, están traballando preto de 150 persoas para que sexa posíbel que todos e todas o poidamos gozar deste festival que temos en Pontevedra, e que recolle o espírito desta cidade, sendo unha cita aberta, participativa, solidaria e cuns espazos de altísima calidade».

Gómez destacou a calidade do cartaz, que definiu como «inmellorábel», e a altísima porcentaxe de artistas galegos que o configuran —máis do 95 %—. Pola súa banda, o director do Surfing the Lérez, Marcos Rivas, sinalou que estaba «encantado de estar outro ano máis aquí» e subliñou a importancia da recollida de alimentos que se realiza nesta cita, ademais doutros produtos de primeira necesidade. «Un quilo de arroz ou uns cueiros son algo que calquera pode comprar e que pode axudar moito a quen o precisa», comentou.