Unha alumna do IES Luís Seoane e un grupo de estudantes do IES Valle Inclán gañan o Concurso TikTok pola Igualdade cos vídeos ‘Isto é o normal’ e ‘Eu mando en min!’

49
  • A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, presidiu esta tarde na Sala de Prensa do Teatro Principal o acto de entrega de premios deste certame, que recollerán Rosalía López Leiro en categoría individual e María del Carmen Costa, Julieta Ferradás Lens, Jimena Álvarez Silva e Sara Fernández Gato en categoría grupal
  • O concurso está dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO dos centros educativos do concello e oriéntase á promoción da igualdade de xénero e á prevención da violencia de xénero 

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, presidiu esta tarde na Sala de Prensa do Teatro Principal o acto de entrega de premios do Concurso TikTok pola Igualdade, unha iniciativa impulsada polo seu departamento, dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO dos centros educativos do concello de Pontevedra e orientada á promoción da igualdade e á prevención da violencia de xénero a través de vídeos de TikTok. O xurado do certame decidiu outorgar o galardón en categoría individual ao vídeo ‘Isto é o normal’, presentado pola alumna de 3ºB da ESO dos IES Luís Seoane Rosalía López Leiro, e o premio en categoría grupal á peza ‘Eu mando en min!’, presentado polos estudantes de 3ºD da ESO do IES Valle Inclán María del Carmen Costa, Julieta Ferradás Lens, Jimena Álvarez Silva e Sara Fernández Gato.

Tal e como subliñou Yoya Blanco durante o acto de entrega de premios, “este proxecto, que arrincou en 2022, naceu co obxectivo de impulsar a reflexión e a conciencia crítica do alumnado ao mesmo tempo que desenvolvía a súa creatividade”. “Incluíu a realización de 9 palestras informativas presenciais nos centros educativos que así o solicitaron (para alumnado e profesorado), nas que se realizou un traballo de concienciación e de sensibilización sobre as temáticas obxecto do concurso, como por exemplo as relacións igualitarias baseadas no respecto e na liberdade, a corresponsabilidade, as achegas das mulleres na Historia, a ruptura de estereotipos e roles de xénero, a igualdade de recoñecemento na cultura, no deporte e no ámbito laboral, as violencias machistas en espazos virtuais ou os mitos do amor romántico”, apuntou a socialista.

Entre as dúas categorías (individual e grupal) foron admitidos a concurso un total de 14 pezas audiovisuais, das que se exhibiu un breve vídeo de resumo antes de proceder á entrega dos galardóns. Segundo afirmou Yoya Blanco, “vistos os vídeos admitidos, o xurado do Concurso TikTok pola Igualdade valorou criterios como a adecuación á temática do concurso; a orixinalidade; o potencial sensibilizador e a capacidade para sintetizar e comunicar os contidos aprendidos”.

“Unha vez realizadas as deliberacións oportunas, decidiuse outorgar o premio en categoría individual ao vídeo de Rosalía López Leiro ‘Isto é o normal’ por transmitir unha mensaxe en positivo a favor da igualdade de xénero, cunha mensaxe clara e acompañada dunha linguaxe de fácil comprensión, e o premio en categoría grupal ao vídeo de María del Carmen Costa, Julieta Ferradás Lens, Jimena Álvarez Silva e Sara Fernández Gato ‘Eu mando en min!’, polo seu potencial sensibilizador e para invitar á reflexión a través da creación de lemas orixinais que sintetizan correctamente os obxectivos do proxecto”, sinalou a concelleira de Igualdade.

Trala recollida de galardóns e o visionado das pezas gañadoras, Yoya Blanco felicitou ás premiadas e alentou aos presentes a seguir “traballando pola igualdade con ilusión, entusiasmo e alegría desde tódolos espazos e con tódolos medios ao noso alcance”.