Os fíos da diversidade espállanse polas rúas de Pontevedra

212
  • A semana do Orgullo LGBTIQA+ inaugúrase coa presentación da instalación artística ‘Tecendo Diversidades’ no balcón da Casa da Luz; un acto de homenaxe da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns e os colectivos Arelas e Avante a ‘Juanito O Meregildo’ na Praza da Peregrina e unha palestra do xurista Miguel Vieito sobre Autodefensa Legal e Lei Trans na Facultade de Belas Artes
  • Os concelleiros Yoya Blanco, Silvia Junco, Iván Puentes e Rafael Domínguez asisten, acompañados por membros do colectivo, ao acto de despregue do espectacular ‘mantón’ de la de dez metros de lonxitude, tecido a man pola firma Ovella Rosa nun laborioso traballo que se prolongou durante dous meses 
  • A Concellería de Igualdade distribuirá un milleiro de abanicos de plástico reciclable coa bandeira LGBTI e un milleiro de folletos informativos coas actividades programadas

A presentación da espectacular instalación artística ‘Tecendo Diversidades’, que desde esta mañá preside o balcón da Casa da Luz, inaugurou o diverso e nutrido programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade con motivo da semana do Orgullo LGBTIQA+. Nun acto ao que asistiron os concelleiros socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes e os ‘populares’ Rafael Domínguez e Silvia Junco, e no que estiveron acompañados por membros do colectivo, exhibiuse o fermoso ‘mantón’ de la de dez metros de lonxitude que pende do edificio municipal, tecido a man pola firma Ovella Rosa nun laborioso traballo que se prolongou durante dous meses.

As actividades desta primeira xornada do Orgullo, na que o departamento que dirixe Yoya Blanco comezou a distribuír un milleiro de abanicos de plástico reciclable coa bandeira LGBTI e un milleiro de folletos informativos cos eventos programados, terán continuidade esta tarde na Praza da Peregrina (18:00 horas) cun acto de homenaxe a Juan Ucha Villaverde, ‘Juanito O Meregildo’, a cargo da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns e dos colectivos Avante LGBT+ Pontevedra e de Familias de Menores Trans ‘Arelas’.

“Os fíos da diversidade -asegurou Blanco- comezaron a espallarse pola nosa cidade nesta semana de reivindicación e festa. O ano 2022 foi o máis violento de todo o milenio para o colectivo e, baixo o lema ‘Tecendo Diversidades’, neste 2023 queremos combater esta violencia con orgullo e memoria. É necesario reivindicar ás persoas que nos precederon na loita pola visibilidade e a dignidade do colectivo LGBTI e, por ese motivo, consideramos tan importante a iniciativa de O Chedeiro que render homenaxe póstuma a Juanito, un veciño seu, de Pidre (Cerponzóns), que padeceu a represión, os abusos e a intolerancia dunha sociedade que non aceptaba a disidencia sexual”.

Juan Ucha Villaverde (1923-2007), homosexual recoñecido e orgulloso, afable, divertido, emprendedor e bo veciño, vendía froita e ovos polos mercados e na Praza de Abastos de Pontevedra, polo que no acto desta tarde, no que intervirán a presidenta de O Chedeiro, Liliana Casás, e o médico Hadrián Pernas, membro de Avante LGBT+ Pontevedra, instalarase unha sorte de posto de froitas no que se repartirán peras e mazás doadas por Frutas Moncho. Non obstante, o anterior dono de Frutas Moncho sempre se preocupara moito en vida por Juanito, que desde ben pequeno aturou todo tipo de mofas e aldraxes por ser gai e afeminado, que respondía aos insultos con piropos e que nunca deixou de ser nin finxiu non ser.

Os actos desta xornada inaugural do Orgullo pecharanse ás 19:30 horas na Facultade de Belas Artes (Sala O abrigo, antiga cafetería) cunha palestra de Autodefensa Legal e Lei Trans, impartida por Miguel Vieito, xurista e investigador en Dereito Sanitario e Bioética e Dereito Antidiscriminatorio.