Os talleres de Envellecemento Activo impulsados por Afapo e Benestar Social atenden cada semana a 169 maiores en diferentes parroquias e barrios de Pontevedra

91
  • O concelleiro socialista Marcos Rey, que asistiu en Santa María de Xeve a un obradoiro no que participan 17 persoas, subliña “o enorme grao de satisfacción” cuns obradoiros que buscan previr a deterioración neuronal e mellorar a calidade de vida das persoas participantes

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, asistiu esta tarde no Centro Cultural de Santa María de Xeve a un dos talleres de Envellecemento Activo para persoas maiores de 55 anos que a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afapo) e o Concello veñen desenvolvendo desde o pasado mes de maio en diversas parroquias e barrios de Pontevedra. A través destes obradoiros, cos que se pretende previr a deterioración neuronal e mellorar a calidade de vida das persoas participantes, estanse a atender a 169 maiores á semana, traballando cuestións como a activación das funcións neuronais e funcionais a través de actividades como a estimulación cognitiva e física, a memoria, a linguaxe, a escritura, o cálculo, a atención, a reminiscencia, as gnosias, as praxias e as funcións executivas.

A actividade, dirixida a veciños e veciñas de máis de 55 anos que carecen de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa, estase a impartir, ademais de na sede de Esperta Xeve (onde se conformou un grupo de 17 persoas), en locais sociais das asociacións Cultural de Campañó, O Crabadoiro (San Andrés de Xeve), Veciños de Campolongo, Federación Castelao, Mulleres Amarinda (Mourente), Moldes (Mourente), Verducido, Salcedo, Lourizán, Cultural A Queimada (Reiriz), Fundación Secretariado Xitano, Gremio de Mareantes, O Mirador (Monte Porreiro) e Veciños O Burgo. Marcos Rey subliñou “o enorme grao de satisfacción” cuns obradoiros que se levan a cabo “aplicando técnicas e traballos grupais que axudan a fomentar a cohesión entre as persoas participantes, a sociabilidade, a diversión, o coñecemento mutuo e o traballo en equipo”. “O envellecemento activo -lembrou- xoga un papel moi importante á hora de afrontar a senectude e previr as enfermidades neurodexenerativas e a deterioración das capacidades psicofísicas nestas etapas da vida”.

Antes de poñelos en marcha, unha traballadora social de Afapo informou do proxecto a tódalas persoas interesadas e unha psicóloga realizou unha valoración cognitivo-funcional para descartar a posibilidade dunha deterioración cognitiva sen diagnosticar a través de diversos test: min-exame cognitivo de Lobo (que valora as alteracións cognitivas do paciente), test do reloxo de Battersby, Bender, Pollack e Kahn (onde se avalía de xeito rápido o estado cognitivo do paciente, as funcións visoperceptivas, vasomotoras e visoconstrutivas, planificación e execución motora) e test das fotos de Canero Pardo e Montoro Ríos (que avalía a memoria inmediata, o recordo, a denominación e a fluidez verbal).

Entre os resultados que se agardan obter con estes talleres de Envellecemento Activo inclúense os seguintes: activar as funcións neuronais e funcionais mediante a realización de diferentes actividades como a estimulación cognitiva e física; reducir os factores de risco e da propia enfermidade; promover espazos de encontro e intercambio de experiencias; potenciar a independencia dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade; concienciar á sociedade sobre a importancia de estar activos para evitar así a aparición de enfermidades neurodexenerativas; potenciar as relacións sociais, e proporcionar técnicas para maximizar o grao de independencia e participación nas actividades da vida diaria.

No caso do Alzhéimer, trátase dunha enfermidade primaria, dexenerativa e de carácter progresivo, que afecta ás células cerebrais, causando a morte progresiva das neuronas. Para frear ou mitigar dita progresión, ademais do tratamento farmacolóxico, resulta de vital importancia a intervención terapéuticca e cotiá, traballando aspectos como a psicomotricidade, a estimulación cognitiva, a laborterapia… Polo que os talleres de Envellecemento Activo supoñen unha das principais actividades de prevención de enfermidades neurodexenerativas.