A Concellería de Igualdade abre a convocatoria do Premio Ernestina Otero Sestelo 2023

28
  • O certame pretende recoñecer e valorar aqueles proxectos educativos innovadores e relevantes na incorporación da perspectiva de xénero e que supoñan un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidades de mulleres e homes
  • O acceso ao procedemento e a presentación de solicitudes pode realizarse a través do seguinte enlace: https://sede.pontevedra.gal/public/catalog-detail/209

O Boletín Oficial da Provincia vén de facer pública a convocatoria do Premio Ernestina Otero Sestelo para a incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos do concello de Pontevedra do ano 2023. O certame, impulsado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), está orientado a recoñecer e valorar aqueles proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero, e que supoñan un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidades de mulleres e homes.

As actividades e proxectos presentados deben terse realizado ao longo do curso 2022/2023 e cada centro poderá presentar dúas solicitudes de participación por categoría nestes premios por cadanseu proxecto/actividade. O acceso ao procedemento e a presentación de solicitudes xa pode realizarse a través do seguinte enlace: https://sede.pontevedra.gal/public/catalog-detail/209. (é preciso tramitar a solicitude de participación a través da sede electrónica).

Tal e como explica a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “hai dúas categorías: unha para Infantil e Primaria e outra para Secundaria e niveis postobrigatorios, con dous premios en cada unha de 900 e 500 euros”. “O importe de cada premio -apunta a socialista- deberá destinarse ao fomento e desenvolvemento de proxectos ou actividades relacionadas coa igualdade de oportunidades de mulleres e homes no curso seguinte á concesión deste”.

Blanco anima “a toda a comunidade educativa a participar nesta convocatoria”, xa que “de seguro que houbo moitos centros nos que se desenvolveron interesantes traballos en materia de igualdade”. Para calquera dúbida ou consulta, pode contactarse ao CIM de Pontevedra no teléfono 986 864 825 ou no email igualdade@pontevedra.eu.