O Concello recepciona os espazos que bordean a renovada estación de autobuses 

22
Alén da praza fronte ao edificio e a conexión coa estación de tren, a entidade municipal volve ser dona dos terreos laterais que conectan o paseo do Gafos con Josefina Arruti, polo que poderá permitir o uso da nova pasarela de madeira de xeito inminente 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou esta mañá en rolda de prensa da recepción do espazo que bordea a estación de autobuses de Pontevedra. Así, o Concello será dono e responsábel do seu mantemento, da praza fronte á estación; da conexión con pavimentación diferenciada entre a estación de tren e a de autobús e, por último, dos terreos laterais, cedidos no seu día para a execución das obras, que conectan o paseo do Gafos coa avenida Josefina Arruti.

«Estamos a falar desa pasarela de madeira que todas coñecemos», indicou Gulías. «Como sabedes, o río alí non estaba cuberto, había unha ponte, mais agora vemos un trazado máis aberto, mantendo unha coherencia coa zona de Josefina Arruti e a súa conexión con novos espazos públicos».