Arranca o gran zafarrancho de roza e limpeza no rural e no anel perimetral da contorna urbana

17

A diferenza doutros anos, adiantouse polas chuvias e o calor dos meses de abril e maio que fixeron crecer moito a maleza e herbas nas estradas e camiños municipais.

Comeza pola parroquia de Lourizán e tamén pola contorna do barrio de Monte Porreiro, pero se estenderá a todas as parroquias e espazos da contorna urbana.

Está formado por dous equipos integrados por catro persoas que chegarán a facer traballos a man naqueles lugares nos que non poidan entrar maquintaria de gran tamaño. 

O Concello de Pontevedra a través da Concellaría de xestión dos residuos e limpeza inicia mañá o gran zafarrancho de rozas e limpeza do rural e das zonas periurbanas que se realiza anualmente. Nesta ocasión, as chuvias do inverno e o forte calor dos meses de abril e de maio fixeron crecer moito a maleza e a herba nas beiravías das estradas e camiños municipais, e obrigaron a adiantar os traballos que comezan mañá mesmo pola parroquia de Lourizán, e na contorna do barrio de Monte Porreiro.

O obxectivo deste gran zafarrancho é manter os núcleos de centralidade parroquial, torreiros das festas, vías e camiños municipais, zonas verdes… en bo estado para que os veciños e veciñas de Pontevedra os poidan empregar con seguridade e confianza nos vindeiros meses. 

As intervencións están planificadas para garantir os mellores resultados e buscando o máximo rendemento dos recursos. Consistirán, polo tanto, na roza desa herba e desa maleza, na retirada de entullos, limpeza de beiravías e de canalizacións de pluviais que poidan estar tapadas por terra durante o inverno… 

Estas rozas e limpezas faranse tanto nas parroquias do rural onde se desenvolverán os traballos de maior envergadura como en todo o ámbito periurbano que quedarán fóra da actuación das parroquias. Ademais, tamén se inclúen os torreiros das festas para telos en bo estado agora que se retomarán as festas patronais das distintas parroquias e lugares de Pontevedra. 

Neste zafarrancho participan dous equipos integrados por catro operarios e dous tractores. Dúas persoas encargaranse de facer rozas a man nos lugares nos que non se poida empregar maquinaria de gran tamaño, de soprar e recoller os restos das cortas dos lugares. A intención do Concello é que estes traballos estean rematados ao longo do verán. 

Anel perimetral da cidade

Tamén a partir do luns, outro equipo comezará as rozas e limpezas no anel perimetral da cidade. Cun tractor, sopradora e roza e recollida a man, traballarase en espazos como o Camiño vello de Castela, a avenida de Montecelo (dende a rotonda da avenida de Lugo até San Amaro), avenida da Seca, avenida de Lugo, Pedra do Lagarto e Pintor Laxeiro nas zonas máis afastadas do centro urbano, a avenida de Marín, Conde Bugallal, na rolda de Lérez, dende a ponte das Palabras até a rotonda de Médico Ballina; a saída á Ruibal ou o acceso a Ponte Muíños.