O Concello ofrécelle o seu apoio ás comunidades de montes afectadas polo proxecto de instalación do Parque Eólico Serra da Fracha 

36
O alcalde, Miguel Ando Fernández Lores, mantivo esta mañá unha reunión con representantes dos colectivos de montes de Marcón, Canicouva e Ponte Sampaio 
O rexedor lembra que o monte da Fracha é usado «masivamente polas veciñas e veciños de Pontevedra» e que «cómpre establecer mecanismos desde as administracións competentes para asegurar un correcto aproveitamento e ordenación do monte» 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto cos edís Alberto Oubiña e Raimundo González, ademais da técnica de Montes, María Formoso, e o director xeral, Xosé Manuel Tato Camino, mantivo unha reunión esta mañá coas comunidades de montes de Marcón, Canicouva e Ponte Sampaio (a de Tomeza desculpou a súa ausencia por incompatibilidades laborais), tendo como principal obxectivo ofrecer toda a colaboración posíbel desde o Concello de Pontevedra durante o proceso de alegación pública do Parque Eólico Serra da Fracha.

«Este parque eólico, que se situaría no monte da Fracha, afecta ás comunidades lindantes e ao Parque Forestal que o Concello acondicionou neste monte e que é empregado masivamente polas veciñas e veciños de Pontevedra. Desde o Concello consideramos que cómpre elaborarse unha estratexia de País no relacionado coa enerxía eólica», sinalou o rexedor. «É preciso establecer mecanismos desde as administracións competentes, Xunta e Estado, para asegurar un correcto aproveitamento e ordenación do monte e evitar macroconstrucións sen ton nin son que só benefician os petos duns poucos e prexudican á veciñanza da zona».

Lores lembrou que no referido ao Concello, este presentará as súas alegación contra este proxecto ao «bater contra a liña de flotación do Parque Forestal da Fracha, poñendo en risco as plantacións e prexudicando a fauna e a flora de toda a zona». Ademais, a administración local comprométese a axudar á resolución de calquera dúbida por parte das comunidades de montes no proceso de presentación de alegacións, poñendo a disposición das mesmas todos os recursos municipais posíbeis.