Valdecorvos, primeira opción do Concello para situar o futuro edificio municipal de emerxencias 

128
A parcela situada nesta zona é de propiedade municipal e ademais está cualificada para a construción de equipamentos, polo que non requiriría a posta en marcha doutros procedementos administrativos, como son a adquisición da finca ou a modificación do Plan Xeral
O obxectivo é crear un equipamento municipal que acolla no seu interior os corpos de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil 

A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, compareceu está mañá de xoves, 11 de maio, en rolda de prensa para dar conta do estudio técnico encargado desde o Concello de Pontevedra co obxectivo de achar os mellores emprazamentos para situar o futuro edificio municipal de emerxencias no que se situarán os corpos da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil.

«Os resultados do estudo propoñen unha serie de parcelas e localizacións que poderían ser o lugar, nun futuro, deste novo equipamento», indicou a edil. «Evidentemente, todas as propostas que aquí figuran cumpren cos requisitos mínimos que se esixiron no seu día, como os referidos ao tamaño da parcela, que non podía ser menor de 8.500 metros cadrados, contar con bos e doados accesos ou non estar moi distanciado da cidade e da veciñanza, por exemplo».

Así, o estudio técnico fixo unha selección de seis emprazamentos distintos, ordenados xa de opción máis óptima a menos óptima, en base a unha puntuación derivada das seguintes variábeis: a súa accesibilidade, o tamaño e a forma da parcela e o seu aproveitamento, a proximidade ao centro urbano e tempos máximos de intervención e a propia orografía do terreo (pendente e homoxeneidade do terreo, amais da forma de adquisición (non só se tiveron en conta propiedades de titularidade municipal, senón que tamén se estudaron opcións privadas) xa que «é un edificio cunhas características tan concretas que fai que o Concello deba ter en conta todas as parcelas posíbeis».

Deste xeito, a orde de preferencia por parte da entidade local sería a seguinte, entrando as tres primeiras opcións en empate técnico:

  1. Finca de Rosalía de Castro
  2. Parcela de Tafisa
  3. Finca de Valdecorvos
  4. Parcela xunto ao cemiterio de Santo Amaro
  5. Parcela en Santa Margarida
  6. Finca de Camposanto

Das tres primeiras, coa máxima puntuación posíbel, a parcela máis viábel sería a de Valdecorvos, pois «é de titularidade municipal, polo que non precisamos tramitar ningunha adquisición nin mudar ningún instrumento urbanístico para poder utilizala. Sería a máis idónea para construír ese edificio de emerxencias. É a que temos enriba da mesa neste intre», explicou a concelleira.

Tendo en consta isto, Vilaverde comenta que agora «iniciaremos todo un proceso de estudo cos axentes implicados para poder valorar a opción de Valdecorvos ou ben, logo dese proceso de negociación coa xefatura de Bombeiros, da Policía Local, de Protección Civil, sindicatos dos corpos de seguridade; coñecer as peticións de cada un. Trátase dun edificio moi complexo, cunhas necesidades moi específicas, por iso precisamos saber e estudar todas as opinións».

Após este proceso de participación, se o Concello decide finalmente escoller outra opción «precisaremos iniciar os procesos para a modificación do Plan Xeral pois algunhas parcelas son edificables, non posúen a cualificación de equipamentos e non poderían ser utilizadas para este fin», explicou. «Ademais, no caso de ter que mercar unha parcela, tamén deberíamos iniciar un proceso de adquisición. Levaría un tempo considerábel, alén de que a construción dun edificio destas características é, claramente, un proceso complexo. É un proxecto serio, que ben pode tardar 2 ou 3 anos á hora de poñerse en marcha. Non é un proxecto calquera».

A edil agarda poder «seguir para adiante» coa opción de Valdecorvos, mais non descarta que se teñan que valorar outras opcións no caso de que sexa necesario. «Hai que valorar se paga a pena ir por esta localización, ou agardar máis e facer os trámites e poñer en marcha os instrumentos administrativos necesarios para outros puntos».