O Local, considerado o fervedoiro cultural da xuventude, recibirá unha ampliación interior e unha mellora da súa contorna 

22
O proxecto confórmase en dúas fases, comezando a primeira en apenas uns días para optimizar a accesibilidade da zona, xerando tamén un novo espazo de convivencia e descanso exterior
A segunda fase creará novos espazos coa construción dun novo bloque na zona e a creación do que sería unha sala de concertos multiusos 

O Local de Música, coñecido tamén popularmente coma O Local valéndose da súa condición de espazo que vai máis aló do eido musical, verá mellorada a súa contorna a través dunha actuación de mantemento que lle outorgará un acceso máis cómodo e xerará un espazo de descanso e reunión para os seus usuarios no exterior. Esta será a primeira fase dun proxecto máis ambicioso, promovido desde o Concello de Pontevedra, e que ten por obxectivo a ampliación do actual equipamento municipal co obxectivo de dotalo de novos servizos, novas estancias e novas posibilidades de cara ao futuro.

O nomeado proxecto foi presentado esta mañá, no mesmo Local, polo concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, e a edil responsábel de Mantemento dos Espazos Públicos Urbanos, Eva Vilaverde. «Así como hai un día escaso presentabamos a celebración cun evento dos quince anos en activo do Local de Música e nos que pasou practicamente de todo, moitas cousas musicais e moitas cousas máis aló deste eido, seguimos tendo claro que o futuro hai que traballalo, hai que poñerse novos retos», comentou Oubiña.

«Está claro que queremos seguir na vangarda, e O Local debe seguir sendo un fervedoiro cultural, un fervedoiro xuvenil», explicou. «O Local foi evolucionando ao longo dos anos, algo que nos xera moito orgullo, ter transformado este espazo nun punto de referencia da xente moza que está consolidado como un espazo social e cultural. Queremos dar un paso máis adiante, queremos avanzar, por iso presentamos unha proposta dividida en dúas fases».

A primeira das fases, cun carácter de actuación a curto prazo, que mellorará o que podería ser chamada a contorna exterior do recinto, resolvendo algúns dos problemas transmitidos polos usuarios do edificio municipal na procura dunha mellor accesibilidade, comodidade e a posibilidade de levar algunhas das actividades que hoxe se desenvolven dentro até a rúa.

A concelleira Eva Vilaverde sinalou que na idea de esponxar o Local, de abrilo ao futuro, «é preciso que o seu exterior sexa acorde co modelo do resto da cidade, é dicir, de alta calidade urbana». Así, o departamento de Mantemento estudou unha reordenación de todo o espazo a través dunha serie de actuacións que se executarán de xeito inminente, ao redor dunha semana.

Comezando desde a rúa Ramón Otero Pedraio, e co fin de darlle continuidade aos itinerarios peonís (non existente na actualidade), será xerado un vao de acceso en formigón nivelando a beirarrúa dun lado a outro, eliminando os chanzos existentes na zona e suprimindo o estreito tamaño das beirarrúas do lugar. Tamén se instalará unha sinalización de prioridade peonil, outorgando unha prioridade lóxica non só aos usuarios do Local, senón tamén aos usuarios do albergue público.

O resto de beirarrúas, na parte superior, tamén recibirán rebaixas e crearanse ramplas adaptadas para conectar co resto de percorridos peonís. A zona de aparcadoiro garantirá un acceso peonil central, ao tempo que queda garantida unha zona de acceso e servizos ao propio Local. A sinalización horizontal e vertical da zona será renovada e remarcada.

No fondo do saco do aparcadoiro, diante da porta de acceso principal, vai ser creada unha zona de estancia cunha reserva estritamente peonil, na que serán instalados bancos e aproveitará a zona verde xa existente, garantindo «xa non só actividades do Local, senón a convivencia e cohesión da xente que se achega até o edificio». 

«Tamén imos mellorar as dotacións da zona, substituíndo as barandas por mor da súa antigüidade, xunto co arranxo e mellora da recollida de pluviais», explicou Vilaverde. «Reforzaremos a iluminación nos accesos, tamén do albergue, e quedará garantida a seguridade na zona. Coido que é unha actuación que busca manter e mirar cara ao futuro a ese fervedoiro cultural que é o Local». 

As actuacións previstas nesta fase terán un custo aproximado de 40.000 euros e irán con cargo ao contrato de Mantemento.

vista lateral
Infografía do futuro Local trala ampliación.

Pola súa banda, o responsábel de Xuventude debullou o que se define como a segunda fase do proxecto de mellora do Local, que conta xa cun anteproxecto que sitúa o investimento necesario para levalo a cabo en algo máis do millón de euros, e que mudará e amplificará completamente a funcionalidade do espazo municipal. 

«Logo de quince anos toca mellorar o espazo. Xurdiron novas necesidades, xurdiron novos retos e o propio equipamento precisa dun aproveitamento e unha renovación maior», indicou Oubiña. «Queremos transformar o actual bloque de salas de ensaio, o actual edificio, nunha especie de sala de actuacións, que poderá ser usada para testar proxectos, ensaiar no día a día ou gozar doutras propostas».

O actual edificio verá como o falso teito actual desaparece e permite gañar unha altura considerable. Por suposto, será construído un novo bloque, adxunto ao actual, no que se situarán as novas salas de ensaio, a oficina de xerencia, unha sala de control para as gravacións e mesmo un espazo de convivencia e socialización (ademais dos servizos e outros equipamentos básicos).

Ao longo da renovación e posta en marcha do proxecto O Local permanecerá aberto, permitindo manter os ensaios e as actividades no seu interior, xa que o traslado dun bloque a outro do material e da súa programación non se faría até estar xa rematado e habilitado o novo equipamento.

outra vista partida
Infografía da división interior e dos novos espazos.