Lores visita o Rañadoiro onde o Concello acondicionou un acceso para camións de incendios paralelo ao Paredón 

15

Antes de reunirse cos veciños no Local social, visitou esta vía que permite acceder aos camións de incendios e á veciñanza ás pozas que están na parte alta do lugar, e tamén da acceso ao depósito da traída do Rañadoiro.

Finalmente mantivo un encontro veciñal no Local social onde o Concello acondicionou a súa contorna. 

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta tarde un encontro cos veciños do lugar do Rañadoiro, na parroquia de Ponte Sampaio, acompañado do concelleiro delegado da parroquia Raimundo González Carballo. Aproveitou a súa visita ao Rañadoiro para ver a nova pista paralela ao Paredón que permite o tránsito de camións para abastecerse de auga no caso de incendio así como a mellora de toda a contorna do Local social.

A primeira parada no seu encontro coa veciñanza do Rañadoiro, foi ver a nova vía forestal que o Concello vén de facer xunto ao Paredón e que permitirá acceder aos camións forestais e tamén os veciños para fornecerse de auga das pozas que están na parte alta do lugar. É unha vía paralela ao Paredón que permite un mellor acceso grazas á cesión de dous propietarios privados, e tamén permitirá protexer o propio Paredón que é un ben etnográfico rural.

A visita ao Rañadoiro rematou no Local social onde o alcalde foi convidado polos veciños e veciñas. Alí comprobou a mellora da contorna do centro social no que o Concello investiu arredor de 27.000 euros. Creouse un acceso empedrado e unha nova zona verde axardinada, que dispón de bancos , árbores e plantas de flor que converte ao lugar nun espazo de encontro e descanso para a veciñanza, xusto na entrada da instalación municipal.

A actuación completouse coa colocación dun valado de madeira, substituíndo ao metálico existente, a mellora da fonte do lugar que se respectou no proxecto final e a limpeza de toda a contorna que tiña maleza.