Inicia a nova licitación do “pioneiro” contrato de residuosde Pontevedra 

50

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a nova licitación logo de que o Concello refixese os pregos para adaptalos aos requerimos do Tacgal.

“Este contrato é un cambio de paradigma nos residuos municipais” afirmaba Raimundo González ao considerar que os residuos se transforman en recursos. Tamén suporá unha corresponsabilidade da empresa e do Concello, aposta pola compostaxe, diminución de gases de efecto invernadoiro e terá mecanismos de participación cidadá.

O orzamento anual é de 11,7 millóns de euros, e o contrato asinarase por 20 anos. 

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o inicio do proceso de licitación do novo contrato de xestión do Servizo de residuos municipais, unha vez que o Concello refixo os pregos e se emitiron os informes dos servizos correspondentes tras a contestación do Tacgal. O responsable do servizo, Raimundo González informou esta mañá que “non me cansarei de dicir que se trata dun contrato pioneiro porque está adaptado á nova Lei de residuos aprobada polo Parlamento español”.

“Este contrato implica unha corresponsabilidade da empresa e do Concello, suporá a diminución de gases de efecto invernadoiro, aposta pola compostaxe, e terá mecanismos de participación cidadá”, explicaba Raimundo Gónzález que resumiu o novo contrato como “un cambio de paradigma no tratamento dos residuos municipais”, porque supón a posta en marcha da economía circular co aproveitamento dos residuos que cambian a súa condición para transformalos en recursos.

O concelleiro indicou que con este contrato “pretendemos que Pontevedra sexa referente nalgo máis. Xa somos referentes mundiais en ámbitos de mobilidade, en modelo, en eficiencia enerxética, en tratamento de auga potábel… e buscamos, tamén, ser nos residuos. Agardamos estar na vangarda no seu tratamento”.

A nova licitación é de de 233.395.000 euros por 20 anos máis un de prórroga, ou o que é o mesmo: 11.669.786 euros por ano. Terá unha publicación de 30 días, o que supón que rematará entre o 6-7-8 de xuño (dependendo da data na que saia publicado o anuncio no Boletín Oficial).

Raimundo González recordou algunhas das cifras do contrato como os 3.251 colectores o que supón un incremento do 25% en relación aos actuais; no centro histórico serán colectores que se porán e retirarán cada día; haberá 1.000 colectores de recollida para pilas e tamén se implantará un método para a recollida do aceite usado doméstico, probablemente, tamén en colector.

Increméntase a flota de vehículos de limpeza de rúa con máis recolectores, lavacontedores, lavabeirarrúas… O incremento de medios técnicos completarase coa instalación dunha planta de compostaxe.

Outro dos puntos fortes do novo servizo será a compostaxe xa que chegará ao 100% de todas as vivendas do rural con colector individual. Na actualidade están despregados uns 4.000 colectores e o número de vivendas habitadas no rural é de 6.400.

A compostaxe comunitaria será outro dos elementos a completar até instalar 100 centros de compostaxe comunitaria. Na actualidade hai instalados 25, e están pendentes sete novas localizacións.