Pontevedra estrea a súa nova caseta de Turismo diante das Ruínas de Santo Domingo

59
  • Esta sede única situada entre a Praza de España e a avenida de Montero Ríos foi instalada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo cun orzamento duns 40.000 euros

Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes visitaron esta mañá na avenida de Montero Ríos, acompañados da parlamentaria Paloma Castro, a nova caseta que funcionará como sede única de Turismo de Pontevedra e que acaba de abrir as súas portas diante das Ruínas de Santo Domingo, nun espazo que ata hai pouco ocupaban un monolito turístico e un olivo trasladado aos xardíns do parque da Praza de Europa. A estrutura foi instalada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo cun orzamento duns 40.000 euros e permitirá que o epicentro da Praza de España volva contar cunha oficina de turismo nun lugar de paso obrigado dos peregrinos que fan o Camiño Portugués a Santiago e dos viaxeiros dos numerosos autobuses que estacionan en San Roque.

“Coa estrea desta sede -explicou a concelleira socialista Yoya Blanco- mantemos unha oficina única de Visit Pontevedra, que entendemos que é o resulta máis operativo. Acabou o convenio coa Deputación e desde hai uns meses deixamos de ocupar o Palacete das Mendoza (sede de Turismo de Rías Baixas). Segundo me trasladaron as traballadoras, xa están a ter moitísimo traballo”.

En opinión de Blanco, a caseta está situada “nun enclave absolutamente estratéxico, en pleno corazón da cidade, onde chegan moitísimos turistas, moi preto do Camiño de Santiago, e de San Roque, onde chegan os autobuses turísticos”, polo que “era vital tela instalada aquí”. “Agardamos que este sexa un ano pletórico de turismo”, vaticinou a concelleira.

A potenciación do turismo gastronómico, con citas culinarias como o recente Mestizaxes e o certame Pontealmorzo (que dará comezo mañá), é unha das principais estratexias do Concello neste eido. Asemade, Yoya Blanco e Iván Puentes están a apostar pola sostibilidade, o turismo verde e os eventos deportivos como reclamos para visitantes, co obxectivo de tentar desestacionalizar o turismo que chega á nosa cidade.