O Monte da Fracha xa ten o seu Bosque da Esperanza

47
  • O concelleiro Iván Puentes participou esta mañá na última xornada de plantación de árbores autóctonas, protagonizada por un centenar de nenos e nenas de 1º e 4º de Primaria do CEIP Vilaverde-Mourente

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, participou esta mañá no Monte da Fracha na última das tres xornadas planificadas para a creación do Bosque da Esperanza, un proxecto de reforestación impulsado co gallo do Día Mundial da Terra (22 de abril) que se materializou na plantación de 300 árbores autóctonas (unha por rapaz participante) en tres hectáreas de terreo. Esta derradeira saída estivo protagonizada por un centenar de nenos e nenas de 1º e 4º de Primaria do CEIP Vilaverde-Mourente, colexio que impulsou a iniciativa en colaboración co departamento que dirixe Puentes, a Comunidade de Montes de Tomeza, a empresa PreZero, a Misión Biolóxica de Galicia, Veteris Jardines e a entidade sen ánimo de lucro Fuertes Razones.

A intervención foi aprobada na convocatoria Súmate, promovida por PreZero durante 2022 co obxectivo de respaldar proxectos que traten solucións de temática ambiental ou social e que son financiados en gran medida polos empregados da empresa, que doan voluntariamente unha parte da súa nómina e que elixen eles mesmos as propostas a través dunha votación aberta a toda a compañía. Segundo explica Iván Puentes, “a idea do Bosque da Esperanza era dobre: dunha banda, recuperar un espazo que precisaba de árbores autóctonas como estas 300 que se plantaron; pero sobre todo, esencialmente, tiña unha dimensión educativa, pedagóxica, que era a de sensibilizar aos máis pequenos sobre a necesidade de desenvolver accións, no seu día a día e na súa realidade máis próxima, que axuden a loitar contra o cambio climático e a protexer o noso planeta”.

“Tamén queremos facer un chamamento a toda a cidadanía -apuntou o edil do PSOE- para que se decate de que o cambio climático é algo que xa está aquí, que nos está afectando e que nos vai afectar cada vez máis e dun xeito máis grave nos vindeiros anos e que non só depende das grandes corporacións mundiais e dos científicos. Todos e todas podemos, na nosa realidade, poñer o noso gran de area para facer deste planeta un lugar mellor”.

O do Bosque da Esperanza foi un dos dez proxectos gañadores na convocatoria promovida por PreZero, o que permitirá reforestar un privilexiado espazo situado no alto dun outeiro do Monte da Fracha, coas incribles vistas da ría de Pontevedra. O alumnado do CEIP Vilaverde, que foi formado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e na Axenda 2030, amosou deste xeito a súa fonda concienciación medioambiental, cunha acción coa que deron exemplo e coa que achegaron a súa contribución para mitigar os efectos da emerxencia climática: plantando unha árbore coas súas propias mans.

Esta reforestación encaixa co ODS15 (Vida de ecosistemas terrestres) e suporá un incremento do indicador 15.1.1 (Superficie forestal como proporción da superficie total); unha diminución do indicador 15.3.1 (Proporción de terras degradadas en comparación coa superficie total) e un aumento do indicador 15.4.1 (Cobertura de zonas protexidas en lugares importantes para a diversidade biolóxica das montañas) e o indicador 15.4.2 (Índice de cobertura verde das montañas).