O Concello lanza un plan integral de posta en valor do patrimonio monumental da cidade para achegalo a veciñanza e visitantes

67

O primeiro proxecto realizados baixo esta premisa será a transformación do CITA no Centro de Interpretación da Vila Medieval (CIVIM), recollendo non só as Torres Arcebispais senón a muralla de Arcebispo Malvar, o Campiño e a súa Basílica, a Casa Torre dos Montenegro e porto medieval situado en Valentín García Escudero

Ademais, está prevista a instalación dunha sinalización propia a través de paneis informativos en dezaseis edificios da Boa Vila, como o Principal, a Casa Consistorial, o Pazo de Mugartegui ou o Palacete das Mendoza

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, presentou esta mañá de mércores, 3 de maio, dous proxectos municipais dentro dun marco global de posta en valor e recoñecemento do patrimonio monumental da cidade.

Partindo de movementos e decisións históricas como foi a compra de Santa Clara no eido do patrimonio arquitectónico, histórico e monumental; o Concello continúa avanzando na liña de divulgar, amosar e achegar a veciñanza e visitantes esta clase de patrimonio público. «Estamos a falar dun proxecto integral para poñer en valor toda a nosa riqueza monumental que debe ser máis coñecida pola cidadanía pontevedresa. Coido que este coñecemento eleva o orgullo de pertenza e a autoestima cidadá, ao tempo que é un recurso didáctico que complementa o modelo urbano para facer máis atractiva a cidade», explicou o rexedor.

Baixo este paraugas divulgativo atópase traballando un «equipo multidisciplinar», tal e como sinalou Lores, formado por museólogos, arqueólogos ou arquitectos. «A idea é seguir avanzando na posta en valor dos nosos recursos, presentando hoxe dous proxectos diferentes: dunha banda a transformación do antigo CITA e, doutra, a creación e instalación de paneis divulgativos con ampla información».

O primeiro dos proxectos, relacionado co CITA, acabará por transformar este espazo nun novo concepto baixo as siglas de CIVIM (Centro de Interpretación da Vila Medieval), ampliando o seu rango de acción e estudo alén das Torres Arcebispais. «O obxectivo é recoller o relato histórico da cidade medieval de Pontevedra, incluíndo as nomeadas Torres, mais tamén a muralla conservada en Arcebispo Malvar, o Campiño de Santa María coa propia Basílica, a Casa Torre dos Montenegro e, por último, a ponte e o porto medieval situado en Valentín García Escudero».

O CIVIM funcionará como un centro de recepción de visitantes, con diversos recursos divulgativos entre os que se inclúen recreacións virtuais, pezas audiovisuais, material didáctico, etcétera. Desde este punto, o interesado neste contido histórico, iniciará unha ruta a pé polos diferentes espazos arqueolóxicos, apoiándose en paneis informativos, coa posibilidade de acceder a máis información a través de códigos QR.

«Poderán se realizadas visitas de xeito autónomo pero tamén serán programadas visitas guiadas», explicou o alcalde. «Por suposto, traballaremos no apartado das linguas: galego, castelán, inglés, alemán, francés… Ademais de que todo o material estará adaptado a persoas con diferentes discapacidades, sexa auditiva ou visual, por exemplo».

Alén deste primeiro proxecto, restaría a sinalización dos monumentos ou edificios históricos da cidade. Está prevista instalación dun total de quince paneis para contar a historia e sinalar os detalles arquitectónicos e históricos de dezaseis espazos (un panel é compartido por dous edificios, como é a sede da Deputación e o instituto Valle-Inclán). «É necesario ofrecer información deste tipo e dun xeito accesible», indicou Lores.

A listaxe de edificios que contarán con paneis é a seguinte: • Ponte do Burgo
• Basílica de Santa María
• Ruínas de San Domingos

• Instituto Valle-Inclán e Pazo da Deputación

• Praza de Touros
• Igrexa de San Bartolomeu
• Teatro Principal

• Casa do Concello
• Igrexa da Virxe Peregrina
• Convento de San Francisco

• Pazo de Mugartegui

• Santa Clara
• Capela de San Roque

• Palacete dos Mendoza

• Edificio Sarmiento

O rexedor indicou que esta é unha primeira fase na posta en valor do patrimonio histórico local, «que terá continuidade no futuro, posiblemente coa sinalización da arquitectura máis contemporánea e que teña valor nese sentido».