O Concello comproba o funcionamento da piscina olímpicade Ponte Muíños logo da súa apertura aos clubs do concello 

43

O alcalde e o tenente de alcalde achegáronse ao complexo Rías do Sur para ver os primeiros adestramentos, logo de que o Concello se comprometera a participar economicamente para que a piscina permaneza aberta até final de ano para uso de todos os clubs que empregan lámina de auga. 

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Deportes e tenente de alcalde, Tino Fernández visitaron esta tarde o complexo deportivo Rías do Sur, xa que nestes días se puxo en funcionamento a piscina olímpica, logo do compromiso municipal de sufragar a súa apertura até final de ano, co compromiso de que se abrira a todos os clubs do concello que empregan lámina de auga.

O alcalde recoñeceu estar “moi contento porque é difícil de entender que 540 nenos e nenas que están activo en clubes de natación, waterpolo, sincronizada e salvamento acuático en Pontevedra non tiveran lámina de auga para nadar, para facer adestramentos e competición”.

Lembrou que a empresa concesionaria da instalación “deixou a explotación e houbo problemas que hai que ir solucionando e retomando o funcionamento normal”. De feito fixo alusión ás malas condicións nas que a empresa deixou o complexo no que houbo que facer obras de mellora na climatización e reparar as piscinas. Está en activo a de 50 metros e queda pendente de reparar a de 25 metros, “que se reparará nun mes ou mes e medio”, dixo o alcalde, quen adiantou que tamén se instalaron paneis fotovoltaicos para reducir o consumo enerxético e está previsto un investimento para a instalación de leds.

Lores recordou que o Concello tratou de “colaborar para que se poña en marcha a piscina olímpica”, xa que era imprescindible porque os clubs acabarían a tempada pero non empezarían a seguinte. “Sería unha perda moi grande para natación de Pontevedra”, concluíu.

A condición que puxo o alcalde para esta colaboración “é que a lámina de auga sexa para todos os clubes que usan a lámina de auga. Sen esa condición non houberamos entradado porque ten que estar ao servizo da natación de Pontevedra e é unha instalación pública”. Tamén quixo agradecer o apoio do CGTD nos momentos do peche de Rías do Sur.

O acordo municipal cos clubs e coa Fundación, “é garantir a lámina de auga disponible para competición para todo este ano e, mentres, a Fundación está coa idea de poñer a funcionar a instalación a final de ano”, indicaba Lores que recordou que “a vontade do alcalde e do concelleiro de Deportes é que todos os deportistas que usan lamina de auga que teñan lugar onde adestrar”. Polo tanto, “cando as dificultades arrecian o Concello ten que estar aí detrás”, rematou.