Comeza a busca do mellor almorzo de Pontevedra

202
  • Mañá xoves inaugúrase Pontealmorzo, un evento gastronómico organizado pola asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro
  • O evento desenvolverase ata o 14 de maio coa participación de 16 establecementos da cidade, e os almorzos terán un custe fixo de 5 euros, poderán degustarse entre as 9:00 e as 12:00 horas, con ampliación dese horario en moitos dos establecementos participantes
  • As votacións realizaranse de xeito electrónico a través dun código QR que os locais facilitarán (con puntuacións de 1 a 5)

Os concelleiros Iván Puentes e Yoya Blanco inaugurarán este xoves una nova edición de Pontealmorzo, unha iniciativa que está enmarcada no proxecto Pontevedra Capital Gastro e na que se pretende elixir ao Mellor Almorzo de Pontevedra 2023.

Segundo confirmou Blanco, “os pontevedreses e as pontevedresas teñen moitas ganas de participar nesta nova edición do Pontealmorzo”, unha vontade presente non só entre os clientes, senón tamén entre os veciños que decidiron formar parte deste proxecto. Proba diso é que se apuntaron un total de 16 establecementos da cidade, cunha variedade de propostas “tremenda” en palabras da concelleira de Promoción Económica”. Yoya Blanco invitou a todos e todas os cidadáns e cidadás que visiten os establecementos da Boa Vila, xa que ademáis de desgustar uns “almorzos exquisitos”, o evento “busca apoiar ao sector hostaleiro nunha cidade na que gusta moito almorzar”.

O certame que comeza mañá xoves, prolongarase ata o 14 de maio. Os almorzos que se ofrecen poderán adquirirse por un prezo fixo de 5 euros, podendo degustarse entre as 9:00 e as 12:00 horas (coa posibilidade de ampliación dese horario en moitos dos establecementos participantes). Os menús están compostos por unha bebida quente e unha fría, unha tapa doce e outra salgada. Recordar ademais que o Pontealmorzo 2023 trae como novidade a posibilidade de desfrutar dos almorzos tamén á hora da merenda.

Votación electrónica ao mellor almorzo

O evento, organizado pola asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, permitirá que a veciñanza proclame cos seus votos ao Mellor Almorzo de Pontevedra 2023, con galardóns para o primeiro, segundo e terceiro clasificados, así como unha mención especial ao Mellor Almorzo Libre de Glute (que decidirá a Asociación de Celíacos de Galicia).

As votacións serán realizadas de xeito electrónico a través dun código QR que será proporcionado aos clientes xunto co almorzo e cada persoa poderá emitir un único voto, cunha puntuación de 0 a 5.

Os establecementos participantes son os seguintes:

  1. Cafetería Silathe (Benito Corbal, 43), con ‘Desayuno Silathe’. Composición: Café, zume de laranxa natural, bol de froitas de tempada e tosta Silathe (tosta de crema de queixo, con salmón afumado, noces, mel e chía, en pan de masa nai con sementes).
  2. Vía Nai (Isabel II, 22), con ‘Desayuno Gloricioso’. Composición: Café elaborado en V60, smoothie de piña, bombón de chocolate con corazón de framboesa e base de pizza con cherrys macerados.
  3. Panadería A Devesa Riestra (Marqués de Riestra, 38), con ‘Desayuno A Devesa’. Composición: Café, zume de laranxa natural e tosta de ovos revoltos con xamón york e queixo.
  4. Panadería A Devesa Monte Porreiro (Italia, 5), con ‘Desayuno A Devesa’. Composición: Café, zume de laranxa natural e tosta de ovos revoltos con xamón york e queixo.
  5. El Huerto del Cura (Joaquín Costa, 42), con ‘El Desayuno del Cura’. Composición: Café, zume natural de mazá e cenoria e bagel de xamón, aguacate e ovo revolto.
  6. Bachata (Eduardo Pondal, 40), con ‘Venga Va’. Composición: Cappuccino italiano, zume natural e tosta de queixo cremoso con noces ao aroma de mel de Salcedo.
  7. La Buena Vida (Blanco Porto, 4), con ‘Sincroniza la Buena Vida’. Composición: Sincronizada de tortitas de trigo con crema de aguacate, xamón, queixo fundido e sementes, acompañado de zume antioxidante de froitos vermellos e café seleccionado de tres países.
  8. Café Bar Bogotá (Joaquín Costa, 42), con ‘Patacones de mi tierra’. Composición: Plátano macho con ovos, chocolate e batido de froita.
  9. El Cafetín (Alameda s/n), con ‘CAFEtime * CAFEteam’. Composición: Caffè latte de abelá + zume kiwi + mini brownie caseiro + cruapán de salmón afumado cafetín, tomate confeitado e cremoso de aguacate.
  10. El Patio Kinder (Virxe do Camiño, 11), con ‘Tuna’. Composición: Café, zume de laranxa natural e tostada de pan chapata con aguacate, atún e rúcula.
  11. Pumper (Sagasta, 22), con ‘Originale’. Composición: Café, zume natural e tosta de hummus de alfábega con mazá, noces e pesto.
  12. Adega dos Avós (Gutiérrez Mellado, 6), con ‘Tosta y más’. Composición: Café, zume de froitas de tempada e tosta con cruxente de queixo e salmón.
  13. Café Sonata (Peregrina, 66), con ‘Desayuna Contigo’. Composición: Café, auga con limón, batido de bagas de goji, kefir con avea e froitas, quiché de verduritas, mini tosta de aguacate e doce de cacao.
  14. La Platería (Manuel Quiroga, 2), con ‘La Platería’. Composición: Cappuccino; cóctel mimosa; creppe con doce de leite, nata e amorodos; e sándwich integral con queixo crema, salmón afumado, aceite de oliva e rúcula.
  15. Dulce de Leche Alameda (Marqués de Riestra, 32), con ‘Ponte a Punto’. Composición: Café, zume de laranxa natural, tortita doce de avea caseira con crema de cacahuete 100% natural, plátano e crema de cacao e tortita salgada de avea caseira con chips de bacon e ovo revolto.
  16. Lulo Gastrogrill (Padre Luis, 3), con ‘Desayuno viajante’. Composición: Almorzo composto por tres elementos con moito sabor que deleitarán o teu padal.

Como apuntou na rolda de prensa de presentación a vocal da asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) Elena Vitoria, asegurou que “toda a hostalería que se presentou a este certame fixo un esforzo para ofertar uns almorzos distintos e cun deseño refinado”, algo que é de destacar tendo en conta “o momento complexo que atravesa o sector co tema do persoal e o incremento do prezo das materias primas”. “Isto supón un grande esforzo para os establecementos, xa que hai que reforzar as mañás, e hai que agradecer a súa implicación nun certame moi importante para dinamizar a cidade, para que a veciñanza poida desfrutar e para continuar nese camiño de situar a Pontevedra como potencia gastronómica”, subliñou a vogal de Hoempo.

Esta iniciativa é só unha das patas dentro da marca Pontevedra Capital Gastro. Cómpre lembrar que o Concello recuperou o pasado ano o proxecto Pontedetapas así como o Festival Gastronómico Internacional, Mestizaxes que desenvolveuse a pasada semana en Praza España.