A cidade acollerá no 2024 un congreso de economía ecolóxica e postcrecemento polo que podería pasar até un milleiro de persoas 

42
A cita queda enmarcada dentro do proxecto Postgrowth S.A. Pontevedra, elaborado polos investigadores Mario Pansera e Brais Suárez da Universidade de Vigo
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ve con bos ollos a realización dun evento que buscará integrarse coa cidade e coa comunidade educativa da mesma 

O alcalde de Pontevera, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta mañá, xunto cos investigadores da Universidade de Vigo, Mario Pansera e Brais Suárez, o proxecto Postgrowth S.A. Pontevedra, que cristalizará no ano 2024 nun foro sobre economía ecolóxica e postcrecemiento, e que podería achegar até un milleiro de persoas até a Boa Vila. 

«O proxecto de Mario e Brais conta con fondos europeos e estuda o que chaman postcrecemento, na procura dunha actividade económica e unha mellor calidade de vida sen asociarse coa obsesión de medrar até o infinito», explicou o rexedor. «Están preparando un congreso para o ano 2024, internacional, para o que quixeron que Pontevedra sexa a súa sede. Será en xuño do nomeado ano. Só podemos dicir que estamos encantados, claro».

Lores sinalou que a idea é que o congreso se integre na cidade, tanto nos equipamentos municipais do centro da cidade, como noutros espazos abertos, na liña do que se fixo co Placemaking o pasado ano, ademais de involucrar aos institutos da cidade a través de diferentes propostas de investigación. 

Nese sentido, a conferencia finalizará co bautizado como ‘Espazo Xove’, onde o alumnado e a comunidade educativa interactuarán coa «elite da investigación sobre transición ecolóxica dos ámbitos das ciencias económicas e sociais de Europa en xeral pero tamén de todo o mundo”», en palabras de Brais Suárez.

Pola súa banda, Mario Pansera explica que na actualidade «vivimos nos lindes do planeta, que é finito», lembrando que o pensamento de que o aumento do PIB non deriva unha mellora do benestar, ou, polo menos, non se poderá manter no infinito este pensamento. 

Segundo o indicado polo investigador, a cita arrastrará até a Boa Vila «entre 500 e 1.000 persoas», na que a Sociedade Europea de Economía Ecolóxica e o Grupo Internacional de estudos sobre o Decrecemento e o Postcrecemento traballarán da man resolver cuestións relativas ao rol da innovación na transición ecolóxica. É o segundo ano no que se fan as conferencias dous dos colectivos ao mesmo tempo (sendo Venecia a última cidade escollida para facelo con anterioridade). 

«Escollemos Pontevedra porque é o lugar ideal. O traballo de rexeneración do espazo urbano que fixo a cidade nos últimos anos é un exemplo que mesmo se copia noutros lugares do mundo», explicou Pansera. «As cidades deben ser un lugar para as persoas e non para os coches. Organizar os dous eventos en Pontevedra vai ser un elemento súper novidoso».