Os traballos de acondicionamento e restauración integral das zonas de xogo proseguen no parque infantil da Seta

11
  • As actuacións de mellora impulsadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible contemplan a renovación do pavimento de area, incrementando o seu volume; a retirada de pezas rotas e danadas; a substitución de parafusos e o pintado de elementos en mal estado

Tralas obras de restauración rematadas nas zonas de xogo de Barcelos e a Illa das Esculturas e as que se están a acometer na de Santa Clara (a carón do Hiper Froiz), a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural continúa nestes días a realizar actuacións de mantemento e mellora integral noutros parques infantís da cidade. Así, o departamento que dirixe o socialista Iván Puentes acaba de poñer en marcha os traballos que permitirán a restauración e acondicionamento do coñecido como parque da Seta, no barrio de Campolongo (nas inmediacións da Residencia de Maiores), no que algúns dos seus elementos foran obxecto de actos de vandalismo.

Entre as obras que se están a levar a cabo inclúese a renovación do pavimento de area, coa súa limpeza, fresado e incremento do seu volume (con novas achegas de area); a retirada de pezas rotas e danadas, como as escaleiras de subida ao tobogán (que os vándalos estragaron); a substitución de parafusos, e o pintado de elementos en mal estado. Segundo explica Iván Puentes, “a intervención está a ser executada pola empresa Garocaprim SL cun orzamento duns 10.000 euros e estará rematada nos vindeiros días”.